jueves, 5 de marzo de 2026

8 DE MARZO: DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

  Para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, no noso cole, decidimos que as palabras non eran abondo e puxémonos mans á obra para visibilizar a aquelas mulleres que, ao longo da historia, axudaron a construír o mundo que hoxe coñecemos.

Baixo o marco do noso PDI "Tirando do fío", o alumnado converteuse en investigador para dar vida a un mural colectivo que enche de cor e sabedoría o noso corredor.

🧵 Un proxecto con fío propio

A actividade consistiu en que cada grupo-clase elixise unha muller ou un colectivo de mulleres cuxo legado fose transformador. Para que o mural tivese unha estética compartida, todos traballamos sobre unha ficha-modelo onde recollemos o máis esencial:

  • O Nome: Identificando a protagonistas de tódalas épocas e ámbitos.
  • O seu "fío" principal: Ese gran logro ou achega á sociedade que define a súa traxectoria.
  • A súa historia: Un breve percorrido pola súa vida, loitas e legado.
  • A súa imaxe: Retratos e ilustracións que poñen cara a estas referentes.

📚 Unha biblioteca para seguir descubrindo

Pero a homenaxe non quedou só nas paredes. Para acompañar o mural, organizamos unha exposición de libros vinculados co Día Internacional da Muller. Desde biografías de mulleres pioneiras ata contos que rompen estereotipos, esta selección está á disposición de todo o alumnado para seguir "tirando do fío" da lectura e da igualdade.

"A educación é o camiño para que as nenas de hoxe sexan as mulleres libres de mañá."


Grazas a todos os alumnos e alumnas polo voso esforzo na investigación e por axudarnos a tecer esta rede de referentes femininas!





jueves, 19 de febrero de 2026

MATERIAIS PARA A KONAMPALLI SCHOOL (A INDIA). PROXECTO SCHOOL TO SCHOOL DA FUNDACIÓN VICENTE FERRER

O alumnado de EP e a ESO do CPI Virxe da Cela realizaron unha serie de xogos tanto tradicionais da nosa comunidade autónoma (Galicia) como populares e ben coñecidos por moitas persoas no noso país, ofrecendo unha pequena mostra das actividades lúdicas que realiza a infancia para posteriormente enviar a una escola india, a Konampalli School (Anantapur, A India). Desde fai máis dunha década a nosa escola vén mantendo un intercambio cultural e de tradicións con esta escola india, a través do proxecto School to School, da Fundación Vicente Ferrer. Nas vindeiras semanas subiremos á plataforma School to School as nosas propostas, para facerllas chegar aos nenos e nenas da escola da India que temos asignada, e igualmente procederemos a descargar os materiais que eles/as elaboraron para a nosa escola. 


A nosa clase participou na elaboración de materiais para a Fundación Vicente Ferrer, a través do proxecto School to School. Este proxecto leva moitos anos facendose no noso centro intercambiando cunha escola da India información sobre as nosas custumes e coñecer sobre os seús hábitos de vida e que eles coñezan os nosos. Este ano optamos por intercambiar de maneira audiovisual un vídeo sobre xogos míticos que nos xogamos ou que eles xogan como xa fixemos outros anos. O noso xogo foi o brillé, xogo por equipos e eliminacións; O pilla-pilla foi outro xogo que se engadiu na filmación; o impostor, un xogo verbal para atopar ao impostor do grupo e por último un xogo indio sobre lanzar máis afastado un pau golpeadoo contra o suelo. Na miña opinión este programa da Fundación Vicente Ferrer é un acerto xa que e moi interesante para intercambiar culturas con isos lugares xa que tenden a ser moi difentes aos nosos e sempre está ben ter maís dunha visión da realidade. E. A. S. (3º ESO).

As nosas profesoras de Proxecto Competencial e Relixión contáronnos que na India hai un colexio que ten unha placa na que se menciona que foi construído grazas á colaboración da nosa escola. Explicáronnos que hai tempo unha iniciativa da nosa escola serviu para reunir cartos para o momento da súa costrución. Grazas á Fundación Vicente Ferrer axudamos ás xentes da India, e tamén participamos un intercambio chamado School to School. Cada ano os colexios españois envíanlles materiais ás escolas da India, e este curso centrámonos nos xogos.  Enviamos un vído xogando a xogos tradicionais da nosa comarca e eles enviarannos un a nós.  Este ano, os de 4º da ESO xogamos á billarda. Trátase dun xogo tradicional galego que se xoga ao aire libre utilizando un pau longo e outro pequeno chamado billarda. Primeiro levántase a billarda do chan cun golpe co pau grande e despois dáselle forte para mandala o máis lonxe posible. Gaña quen a envía máis lonxe ou consiga máis puntos. M. G. T. (4º ESO).




 

sábado, 31 de enero de 2026

30 XANEIRO: DÍA DA PAZ E DA NON VIOLENCIA

 -Reparto agasallo Paz 

-Desexos que tecen Paz e quitan Penas



MISIÓN CUMPRIDA: OS GARDIÁNS DA PAZ SALVAN A MENSAXE UNIVERSAL

Este ano, o alumnado da ESO celebrou o Día Escolar da Paz e a Non Violencia converténdose en axentes especiais dunha misión crítica. A través dun emocionante Escape Room titulado "Os Gardiáns da Paz", os nosos mozos e mozas tiveron que facer fronte a unha ameaza silenciosa que pretendía sementar o caos e o illamento no mundo.

🕵️ O Desafío: 50 minutos para salvar o mundo

Cun cronómetro marcando unha conta atrás de 50 minutos, os alumnos e alumnas dividíronse en equipos de elite para abortar o "Protocolo de Desconexión Global". A misión non era doada: o Axente do Caos fragmentara a Mensaxe Universal da Paz, e os seus pedazos estaban espallados e ocultos.

Para superar a proba, os equipos seguiron estas Regras de Ouro:

·         Traballo en equipo: A colaboración foi a súa mellor arma, compartindo ideas e escoitando aos compañeiros.

·         Observación e Enxeño: Tiveron que mirar con atención cada detalle e resolver enigmas usando a mente, sen forza bruta.

·         Xestión do tempo: O reloxo non se detivo, e cada pista solicitada supoñía un pequeno sacrificio de tempo no contador.

🕊️ Unha metáfora de convivencia

O obxectivo final foi a reconstrución da Mensaxe Universal da Paz. Esta actividade serviu para que o alumnado entendese que a paz non se constrúe en solitario, senón que require do esforzo colectivo e da comunicación para romper as barreiras do illamento.

O alumnado estivo moi activo e implicado durante toda a sesión, demostrando unha gran axilidade mental para resolver os enigmas que os levarían a localizar e recompoñer cada un dos fragmentos da mensaxe. A tensión do reloxo e o misterio do sistema de desconexión converteron a aprendizaxe nunha aventura inesquecible. Con actividades coma esta, os nosos mozos e mozas non só aprenden sobre a paz, senón que a poñen en práctica a través do compañeirismo e a resolución de problemas en común

  Noraboa aos nosos Gardiáns da Paz polo seu enxeño e compromiso!

 

 
 

-Lectura Manifiesto Paz

 










miércoles, 21 de enero de 2026

OBRADOIRO REDE SOLIDARIA DA MOCIDADE ENTRECULTURAS

O Mércores 21 e o venres 23 de xaneiro 2026 contamos coa visita de Estefanía Franco e Patricia Meléndez, da ONGD Entreculturas, que impartiron un obradoiro a cada un dos grupos da ESO para abordar a través de diferentes dinámicas o concepto de Cidadanía Global. Esta foi unha oportunidade ideal para a creación de grupos focais e debatir sobre as problemáticas locais. A rapazada visibilizou as súas necesidades, tendo en conta a situación que se está a vivir no rural galego, onde a falta de transporte público e lugares para a socialización supón unha fenda ás veces difícil de superar. Outro dos obxectivos que pretendía este obradoiro era presentar e reactivar a Rede Solidaria da Mocidade Entreculturas, unha rede que tivo grandísima importancia entre a mocidade do noso centro entre os anos 2009 e 2019, e que desde a situación sociosanitaria da covid-19 foi perdendo forza. 

Levar a cabo os obradoiros no CPI Virxe da Cela permitiume lembrar e reconectar co meu pasado na Rede Solidaria da Mocidade. Foi un pracer ver como os rapaces e as rapazas identificaban as problemáticas que lles afectan directamente e como debatían sobre elas. As súas inquedanzas difiren das que poden ter outros grupos cos que facemos sesións similares na cidade, o cal é sumamente enriquecedor para unha rede con alcance nacional (no caso da RSJ) e internacional ( no da RG21+). Ademais, tras indagar distintas realidades, decátaste de que moitas coinciden independentemente do código postal ou do país. En resumo: a xuventude reclama ser escoitada e que se cumpran os seus dereitos. Patricia Meléndez

Como participante do obradoiro, considero que foi unha experiencia moi enriquecedora. Non só aprendemos conceptos novos, senón que tamén tivemos a oportunidade de expresar o que sentimos sobre a nosa realidade como mozos e mozas do rural. Gustoume especialmente ver que as nosas voces foron escoitadas e tomadas en serio. Saín da actividade coa sensación de que, aínda que sexamos novos, podemos contribuír a mellorar o noso entorno se traballamos unidos. Oxalá esta rede solidaria recupere a forza que tivo no pasado e se converta nun espazo onde a nosa xeración tamén deixe pegada. Marcos Garabana (4º ESO).

A través desta actividade fixémonos preguntas xerais de como está o mundo e as nosas vidas, como están os nosos dereitos, por exemplo, e se serve  o que facemos para evitar o cambio climatico. Na miña opinión, este obradoiro de Entreculturas fíxonos replantexar as nosas ideas sobre o mundo, xa que como hoxe en día todo é moi efímero e descontrolado non nos deixa pensar sobre estas cousas. Erik Allegue (3º ESO). 







martes, 20 de enero de 2026

PRESENTACIÓN FERRAMENTA DE AVALIACIÓN DE COMPETENCIAS DE CIDADANÍA GLOBAL. MOVEMENTO 4.7

O pasado curso académico o noso centro participou na experimentación cunha nova ferramenta para a avaliación de competencias de Cidadanía Global e Desenvolvemento Sostible, que foi deseñada e impulsada desde as ONGs da Alianza 4.7 (Alboan, Entreculturas, InteRed e ONGAWA). É por isto que fomos convidados para participar nunha sesión en liña de presentación da ferramenta cos equipos dos 7 centros que participaron no proceso, para comentar os primeiros resultados da implementación. Consistiu nunha sesión de 90 minutos, o luns 19 de xaneiro, en horario de 15.00-16.30h. O espazo foi facilitado polo equipo da Universidade Loyola Andalucía, e acompañado por compañeiras da Alianza 4.7.

 




lunes, 22 de diciembre de 2025

NADAL 2025

 

 Hoxe, venres 19 de decembro de 2025, desde o CPI Virxe da Cela queremos dar as doce badaladas en familia, reuníndonos alumnado e profesorado no comedor escolar para despedirnos antes das vacaciones de Nadal. Grazas a todos aqueles rapaces e rapazas que axudaron a amenizar musicalmente esta xornada festiva. Bo Nadal 2025!! E Feliz Aninovo 2026!!

miércoles, 17 de diciembre de 2025

UN ENCONTRO DE CORAZÓNS: VISITA AO CENTRO DE DÍA DO XESTAL


 Un ano máis, o Nadal serviu de ponte para unir as xeracións do noso concello. Nunha xornada cargada de emoción, o alumnado de Infantil, acompañado polos rapaces e rapazas de 3º e 4º da ESO do Colexio Virxe da Cela, visitaron o Centro de Día do Xestal para compartir o seu tempo e alegría cos nosos maiores.

Música, tradición e moita ilusión

O centro encheuse de vida coas voces dos máis pequenos e a enerxía dos maiores. Durante a visita:

  • Os nenos e nenas de Infantil fixeron rir e aplaudir a todos cantando e bailando o tradicional "Mi burrito sabanero".
  • Non faltaron as panxoliñas nin o son das gaitas e pandeiretas, que puxeron o ritmo tradicional a esta mañá tan especial.
  • Pero, sobre todo, o que máis brillou foi a ilusión reflectida nas caras de pequenos e maiores ao compartir este ratiño xuntos.

Un agasallo con raíces

Para selar este momento de unión, o alumnado fixo entrega dunha Flor de Pascua moi especial, acompañada dunha mensaxe que emocionou a todos os presentes:

"Vedes as follas novas, coma nós? Pois para que esas follas medren fermosas e cheguen ao máis alto, necesitan algo esencial: as raíces. Vós, os nosos queridísimos maiores, sodes esas raíces fondas e poderosas que nos suxeitan á terra. Sodes a sabedoría que nos dá seguridade e o amor que nos permite soñar."

Con este pequeno detalle, quixemos enviarlles un abrazo quentiño a cada un dos seus corazóns, desexándolles unhas festas cheas de saúde, paz e, sobre todo, moitísimo agarimo.

Grazas, maiores, por ser o noso mellor exemplo!