miércoles, 4 de diciembre de 2013

SOLIDARIEDADE POR QUILOS...




Unha vez máis a solidariedade do noso centro pódese pesar en quilos... Esta campaña de recollida de roupa tivo unha gran acollida entre alumnado e familias, e foron moitísimos os quilos de roupa que se depositaron no noso centro e que posteriormente, o luns 9 de decembro, a organización Glorr pasou a recoller. Grazas a todos pola vosa colaboración, non so aportando as vosas prendas de roupa e calzado, senón axudando a mobilizar todo este cargamento. Esperemos que outros nenos e nenas do noso país podan facer uso da nosa axuda para pasar un inverno máis cálido.









O ALUMNADO DE PRIMARIA DO CPI VIRXE DA CELA IMPARTE UNHA CLASE NA FACULTADE DE CIENCIAS DE EDUCACIÓN DE LUGO

Estupenda experiencia a vivida polo alumnado do 3º ciclo do CPI Virxe da Cela na Facultade de Formación do Profesorado da USC (Campus de Lugo). Invitados por Marta Poncet Souto (Coordinadora da Titulación  de Grao de Educación Primaria en dita Facultade) e por Rufino  González Fernández (Subdirector da Facultade Universitaria de Formación do Profesorado do Campus de Lugo, USC) presentaron o proxecto no marco das materias  de Socioloxía da Educación e Didáctica e Tarefas Docentes ao alumnado do Grao de Ed. Primaria. 
Foi unha forma de dar a coñecer as prácticas metodolóxicas do centro, a nosa configuración como paisaxe cultural e como non, poñer en práctica as nosas habilidades como comunicadoras e comunicadores. 

Tamén sinalar a repercusión que esta actividade tivo nos medios de comunicación. Destacamos a reportaxe publicada polo xornal "El Progreso", e que incluímos na seguinte imaxe.


ELECCIÓN DE LOGOS "O MUNDO QUE QUEREMOS"

Cooperación galega adxutaba estes tres logotipos para representar o seu proxecto "O mundo que queremos", pertencente ao Plan Proxecta 13-14, no que participamos cinco centros escolares galegos. Como unha das finalidades deste proxecto é o traballo en equipo e a cooperación, a acción de elexir unha imaxe que nos representase foi plantexada como unha actividade conxunta. Pois aí vai o resultado do CPI Virxe da Cela. Comunicamos que por unanimidade, o alumnado da ESO do noso cole elexiu a 3º opción, ese logo que nos semella algo moi romántico (podería lembrarnos á Torre Eiffel?) e moi natural (podería ter reminiscencias cos prados que nos rodean neste o noso enclave rural?)







martes, 3 de diciembre de 2013

OBRADOIRO DE COEDUCACIÓN E EDUCACIÓN NON SEXISTA

Catro voluntari@s da Cruz Vermella de Betanzos visitaron o noso centro para impartir unha charla-obradoiro ao alumnado de 3º e 4º da ESO, centrándose na temática da coeducación e a educación non sexista. Mediante a realización de diversas dinámicas pretendeuse sensibilizar aos mozos e mozas sobre a gran desigualdade que existe todavía entre os xéneros, analizando toda unha serie de prexuízos que están no ollar das persoas e que como consecuencia dan lugar a unha situación de desigualdade e incluso de violencia. Algo tan sinxelo como interpretar o conto da Cincenta ao revés... como cambia a historia!!  No obradoiro os voluntarios da Cruz Vermella servíronse tamén de fragmentos de vídeos e de documentos excritos para analizar as diferenzas entre xénero e sexo e loitar contra moitos estereotipos. Esta é unha actividade organizada a través do Departamento de Orientación e que aproveitaremos desde Monferosolidario para abordar o 2º Obxectivo (ODM): promover a igualdade entre os xéneros e a autonomía da muller. 





lunes, 2 de diciembre de 2013

SOLIDARIOS CON FILIPINAS

O alumnado de 1º da ESO das materias de Educación para a Cidadanía e Relixión demostraron que é posible e moi enriquecedor traballar conxuntamente en equipo, a pesares do mito de que estes dous elementos non son compatibles... Pois, como é hora de ir rompendo estereotipos, no CPI Virxe da Cela temos o lema de que da unión nace a forza! Sobre todo se andamos tras a mesma meta. Nesta ocasión quixemos convertir a aula de 1º nun obradoiro artesanal, onde os rapaces e rapazas exhibiron os seus talentos á hora de combinar cores, deseñar formas, manexar agulla e fío (sen diferenciar estas tarefas, que habitualmente están incluídas nunha lista que segrega ás persoas por xénero). Pasounos a hora voando... e xa temos resultados visibles: unha serie de figuras o obxectos de fieltro baseados na temática do nadal que venderemos para recadar cartos e colaborar na axuda de emerxencia tras o furacán que asolou as Filipinas. Así que nesta ocasión e case sen darnos conta, estamos a traballar os Obxectivos do Desenvolvemento do Milenio (Obxectivo 3: promover a igualdade entre os xéneros; Obxectivo 7: fomentar unha asociación mundial para o desenvolvemento).







domingo, 1 de diciembre de 2013

AS COMPETENCIAS BÁSICAS NA ACCIÓN SOLIDARIA

Penduramos nesta plataforma a presentación powerpoint "As competencias básicas no voluntariado", un documento que se traballou nas Xornadas de Formación Inicial do Plan Proxecta, no obradoiro que recibimos os centros galegos que participan no curso 2013-2014 no Rede de Centros Escolares Solidarios do Plan Proxecta. Pode servir de grande axuda entre os docentes á hora de programar a súa práctica educativa. Desde Monferosolidario trataremos de seguir estas directrices para potenciar o noso traballo.

RCES: REDE DE CENTROS ESCOLARES SOLIDARIOS

A continuación vemos unha fotografía de Ramón Molina, encargado de impartir o obradoiro "Rede de Centros Escolares Solidarios", na Xornada de Formación Inicial do Plan Proxecta 2013-2014. Na súa intervención fixo un percorrido polas diferentes fases que tiveron lugar dentro do proxecto no pasado curso académico, centrándose na actividade "Micromovies en Prol do Voluntariado". Podedes tamén visionar un video que ilustra todo o proceso.

viernes, 29 de noviembre de 2013

A XERACIÓN DE CULTURA DE CENTRO DESDE A ACCIÓN SOLIDARIA

O pasado sábado 30 de novembro asistimos á Xornada Inicial do Plan Proxecta 2014-2014, que tivo lugar no Instituto Politécnico de Santiago. Estas xornadas deron cabida á presentación do noso proxecto Monferosolidario baixo o formato experiencia de centro e baixo o título de "A xeración de cultura de centro desde a acción solidaria", dentro da formación específica para o proxecto Rede de Centros Escolares Solidarios. Conxuntamente con outros centros educativos galegos que están nesta rede, tratamos de realizar unha planificación para o presente curso académico 2013-2014.



 

POR UNHA EDUCACIÓN NON SEXISTA





Na materia de Educación para a Cidadanía (2º ESO) estivemos a visionar a película A Condesa Rebelde, que narra a vida da escritora galega Emilia Pardo Bazán, unha figura clave para a innovación cultural e intelectual na España do s. XIX. Acompañando a este filme estamos a traballar coa unidade didáctica "A escaleira desigual", tratando de propiciar entre o alumnado a reflexión sobre a situación das mulleres no s. XIX, e como se viñeron articulando as bases para a emancipación feminina ata chegar á época actual. 


miércoles, 27 de noviembre de 2013

CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE ROUPA



Un grupiño de rapazas de 1º da ESO visitaron as aulas do noso cole para sensibilizar ao alumnado da importancia dun pequeno xesto solidario para axudar as persoas que se atopan en situacións de precariedade económica ou exclusión social. Tan sinxelo como aportar roupa, calzado ou mantas que teñamos nas nosas casas en desuso, e que a través das ONGs Glorr e Global Humanitiaria chegarán aos fogares máis necesitados. Repartimos bolsas para os que queran participar nesta campaña, así como notas informativas para as familias explicando esta actividade e solicitando a súa colaboración. 

Queridas Familias:

         Monferosolidario quere un ano máis apoiar a campaña de recollida de roupa usada , mantas e calzado, a favor da ONG Glorr & Global Humanitaria, para asistir aos menores e familias que se encontran en situación de precariedade económica ou exclusión social no territorio nacional. Para isto visitaremos as aulas do noso centro presentando esta campaña aos nosos alumnos e repartindo esta nota informativa, así como as bolsas para depositar a roupa. O luns 2 de decembro de 2013 poderán depositarse estas bolsas nas entradas do centro escolar. Agradecemos a súa colaboración.


Monferosolidario, 22 de novembro de 2013













lunes, 25 de noviembre de 2013

FILIPINAS PRECISA DA TÚA AXUDA



Nos últimos días os medios de comunicación estannos a amosar a dramática situación de emerxencia que están a pasar os cidadáns de Filipinas tras o paso do furacán Yolanda. Son moitísimos os chamamentos para concienciar á poboación mundial da necesidade dunha axuda inmediata tras esta catástrofe natural. Sabemos da importancia que supón a cooperación non só dos organismos oficiais, senón tamén das ONGs e de nós, os cidadáns do planeta. Querémonos unir á campaña de Entreculturas, e para isto nas próximas semanas o alumnado do CPI Virxe da Cela elaborará artesanalmente postais e outros obxectos de decoración navideña que poñeremos á venda a última semana de clases antes das vacacións de Nadal, enviando os cartos recadados ao número de conta que Entreculturas ten asignado para este fin.







O MUNDO QUE QUEREMOS



Inauguramos unha nova travesía no Plan Proxecta da Xunta de Galicia acompañados por un grupo de ONGs que se uniron coa meta de transformar este o noso mundo desigual por outro máis xusto e equitativo. Nós somos a xeración que ten nas súas mans o cambio, e a mellor maneira para acadalo é xuntarnos todos e todas a buscar as solución e poñelas en práctica, de maneira cooperativa. Trátase do programa “Cooperación Galega: O mundo que queremos”.
O pasado luns 25 de novembro tivemos o punto de inicio, nesta ocasión coa visita de Rosa López Miramontes, da ONG Mundo Cooperante, quen con grandes doses de entusiasmo e unha ollada moi positiva fixo reflexionar ao alumnado da ESO na xa familiar temática dos ODM, Obxectivos do Milenio. A través dun xogo de rol os rapaces e rapazas analizaron as problemáticas que afectan a milleiros de persoas no noso planeta, e foron quen de idear solucións para erradicalas. Este é o primeiro eslabón dunha serie de obradoiros que se sucederán ao longo do curso, nos que se nos ofrecerán ferramentas para a loita en contra das desigualdades: comezaremos pola protesta e a denuncia a través dun programa de radio; continuaremos coa vivencia dos problemas a través dun “teatro do oprimido”, na que os rapaces e rapazas poñeranse na pel dos máis desfavorecidos para acadar unha total empatía; e finalizaremos coa testemuña de mozos e mozas de países desfavorecidos que visitarán o noso centro e explicarán ao noso alumnado as condicións de vida nun país do “sur”. E como broche final, unha xuntanza co alumnado e profesorado dos outros catro centros escolares galegos que están  a participar neste proxecto.



http://www.mundocooperante.org/










REMUÉVETE. ACTÚA POLA EDUCACIÓN E OS DEREITOS HUMANOS



A pesares das baixas temperaturas e dunha apetitosa mañá de sábado para empregar en miles de tarefas pendentes quentiños nas nosas casas, fixemos o grandísimo esforzo para poñer a alarma do despertador ben cedo e lanzarnos a unha nova sesión de formación ofertada por Entreculturas. Valeu sin duda a pena. A delegación de Entreculturas de Santiago foi o centro de reunión (sábado 23 de novembro de 2013), e neste espazo coincidimos unha mestura de profesores/as, voluntarios e +18, grupo heteroxéneo e diverso que enriqueceu esta xornada formativa con diferentes puntos de partida pero co mesmo obxectivo: “removernos” e actuar pola educación e os Dereitos Humanos.
A nosa queridísima Sandra Rodríguez foi quen de inaugurar a xornada confirmando as súas ben coñecidas capacidades organizativas coa primeira dinámica de grupo, do tipo “romper o xeo”, incitando aos alí presentes a un xogo de mans alzadas ao ritmo de “sopa ou empanada?”. Acto seguido Irene Ortega Guerrero, responsable del departamento de educación de Entreculturas, introduciu as liñas básicas de actuación e presentou diversos materiais didácticos editados por Entreculturas, que servirán de guía ao profesorado para abordar o traballo no eido dos Dereitos Humanos. Tras un descanso-café no que os asistentes tiveron o tempo para poñerse ao día e intercambiar impresións (ummm, que boa está esta tarta…, aínda que a empanadiña de Ferrol entraba ben agora…) mergullámonos no interesante obradoiro impartido por Leticia López Díaz, (a pesares da súa xuventude ten nas súas costas unha rica traxectoria como pedagoga e formadora), quen nos ofreceu importantes ferramentas metodolóxicas para fomentar nos adolescentes os valores dos dereitos humanos, e traballando a través de dinámicas e xogos a escoita activa, a expresión de sentimentos, ou o afrontamento cara a frustración. O resultado foi todo un poema: os alí presentes marchamos do curso cunha tremenda sensación de satisfacción, xa que as nosas expectativas quedaron máis que satisfeitas… ao igual que o noso bandullo tras un rico xantar compartido…