Inauguramos unha nova travesía no
Plan Proxecta da Xunta de Galicia acompañados por un grupo de ONGs que se
uniron coa meta de transformar este o noso mundo desigual por outro máis xusto
e equitativo. Nós somos a xeración que ten nas súas mans o cambio, e a mellor
maneira para acadalo é xuntarnos todos e todas a buscar as solución e poñelas
en práctica, de maneira cooperativa. Trátase do programa “Cooperación Galega: O
mundo que queremos”.
O pasado luns 25 de novembro tivemos
o punto de inicio, nesta ocasión coa visita de Rosa López Miramontes, da ONG
Mundo Cooperante, quen con grandes doses de entusiasmo e unha ollada moi
positiva fixo reflexionar ao alumnado da ESO na xa familiar temática dos ODM, Obxectivos
do Milenio. A través dun xogo de rol os rapaces e rapazas analizaron as
problemáticas que afectan a milleiros de persoas no noso planeta, e foron quen
de idear solucións para erradicalas. Este é o primeiro eslabón dunha serie de
obradoiros que se sucederán ao longo do curso, nos que se nos ofrecerán
ferramentas para a loita en contra das desigualdades: comezaremos pola protesta
e a denuncia a través dun programa de radio; continuaremos coa vivencia dos
problemas a través dun “teatro do oprimido”, na que os rapaces e rapazas
poñeranse na pel dos máis desfavorecidos para acadar unha total empatía; e
finalizaremos coa testemuña de mozos e mozas de países desfavorecidos que
visitarán o noso centro e explicarán ao noso alumnado as condicións de vida nun
país do “sur”. E como broche final, unha xuntanza co alumnado e profesorado dos
outros catro centros escolares galegos que están a participar neste proxecto.
No hay comentarios:
Publicar un comentario