"O conflito forma parte da natureza humana. Apostar pola convivencia supón buscar opcións pacíficas de abordar os conflitos. Unha destas maneiras é a través da MEDIACIÓN. Esta semana comezamos a formación do alumnado de 1º de ESO que, de forma voluntaria, decidiu formar parte do servizo de mediación do CPIP Virxe da Cela. O martes 19 de xaneiro de 2021 tivo lugar a primeira das oito sesións que conformarán o curso de formación en Mediación organizado polo departamento de Orientación e no que participarán 7 alumnos/as de 1º da ESO.
Magú, a orientadora, presentou a Andrea Montero Ramos, educadora social encargada de impartir a formación, e tivemos asimesmo como convidados a catro alumnos/as de 4º da ESO (Marta, Ariadna, Daniel e Hugo), que xa participaron a anterior formación en mediación que tivo lugar no curso académico 2018-2019 e que explicaron aos rapaces/zas a importancia desta experiencia nas súas vidas.
Esta formación ten como obxectivo desenvolver as habilidades e competencias necesarias para que os futuros mediadores e mediadoras sexan capaces de axudar a persoas que entren nun conflito a chegar a unha resolución pacífica. Contar cun servizo de mediación nun centro educativo, supón:
- Clima máis pacífico e produtivo.
- Mellora das relacións.
- Facilita a comunicación.
- Reducir a necesidade de acudir a medidas disciplinarias.
- Previr a violencia.
- Reducir as emocións negativas asociadas aos conflitos."
No hay comentarios:
Publicar un comentario