sábado, 29 de marzo de 2014

LOGOS RCES

Como ben sabedes, o pasado 15 e 16 de marzo, 17 alumnos/as dos centros de ensino pertencentes á Rede de Centros Escolares Solidarios do Plan Proxecta participaron nas Xornadas de Convivencia que tiveron lugar en Lugo. Antía e Sofía, dúas alumnas do CPI Virxe da Cela, representaron ao noso cole nestas xornadas, e xunto co resto dos mozos e mozas participantes, traballaron intensamente para a consecución dun logotipo da Rede de Centros Escolares Solidarios, ademais de determinar unha acción conxunta a realizar para a conmemoración do vindeiro Día Internacional do Voluntariado (5 de decembro). A organización da RCES achéganos as 5 propostas xeradas,para poder facer a elección da imaxe que nos representará. O prazo para as votacións remata o día 11 de abril, así que podemos ir botándolle unha ollada ás cinco propostas, para posteriormente decidir nas aulas a que máis nos guste.

ÁRBORE: Este logotipo amosa como a RCES é o tronco de onde emerxen os valores e rasgos identificativos do programa nos diferentes centros educativos (solidariedade, compromiso, empatía, creatividade, fins comúns, etc.) As cores marrón e verde identifican ao logotipo


ESENCIA EN LIÑAS: Este logotipo é froito dun proceso reflexivo amplo. Nun iniciio o logotipo partía dunha gran man que sostiña unha cometa (que simbolizaba os valores e a esencia da RCES). Na corda da cometa aparecían figuras humanas que amosaban a componente humana do programa. Esa imaxe inicial foi evolucionando ata que o grupo decidiu centrar o logo nunha imaxe máis simple dun trazo abstracto desa cometa que simboliza a esencia dos valores solidarios do programa. As diferentes cores e os diferentes grosores das liñas amosan a diversidade de persoas, necesidades e procesos que teñen cabida na RCES.



 LETRAS CELTAS:  O logotipo é froito da vinculación de Galicia á cultura celta. As dúas imaxes identificativas do logo son a letra “V” e a letra “G” no alfabeto celta, amosando a mensaxe “Voluntariado Galego”. Posteriormente o grupo, por cuestións estéticas, colocou en horizontal as letras, reubicando a posición inicial das siglas RCES. As cores azul e verde son as que dan identidade ao logo.


PROVINCIAS: O logotipo amosa o concepto de “Rede” vinculado ás 4 provincias galegas, dende unha compoñente humana do proxecto (de aí as figuras humanas en cada provincia). No interior de cada provincia aparece un símbolo identificativo de cada una delas (Torre de Hércules, Muralla de Lugo, Augas Termais, e o mar e os peixes). As iniciais RCES interconectan a cada unha das provincias nun proxecto compartido. As cores verde, azul, amarelo e vermello identifican a proposta. 



PUZZLE:  Este logotipo emprega o puzzle como metáfora da unión e a rede, na que as diferentes pezas do puzzle encaixan por un fin compartido. Na intención dos creadores/as está que as iniciais RCES se inserte no interior da peza do puzzle. O logo combina a cor verde e amarela (esperanza e ilusión).

viernes, 28 de marzo de 2014

SE TI PODES... POR QUE NON?
















Esta frase tan directa é a elixida polo alumnado de 1º da ESO do CPI Virxe da Cela para lanzar unha campaña en prol do voluntariado, obxectivo principal do obradoiro impartido por Ramón Molina dentro do programa "Rede de Centros Escolares Solidarios" do Plan Proxecta. Así que estes rapaces e rapazas pasarán todo o día de hoxe deseñando un guión e finalmente gravando as imaxes que ilustrarán un spot publicitario.

domingo, 16 de marzo de 2014

XORNADA DE CONVIVENCIA NA REDE DE CENTROS ESCOLARES SOLIDARIOS

A pasada fin de semana do 15 e 16 de marzo xuntáronse no Albergue Xuvenil Lug II de Lugo 17 mozos e mozas, de idades comprendidas entre os 12 e 17 anos, procedentes dos nove dos centros de ensino que forman parte da Rede de Centros Escolares Solidarios. Antía e Sofía (3º ESO) foron as representantes do noso centro, o CPI Virxe da Cela. Durante a xornada de convivencia os rapaces e rapazas participantes elaboraron ata 5 propostas de logo que servirán para identificar a Rede de Centros Escolares Solidarios (a proposta final vai sair elexida por todo o alumnado integrante da RCES) e traballaron na definiron dunha acción solidaria conxunta de cara a conmemorar o Día Internacional do Voluntariado, que cada ano se celebra o 5 de decembro. Outra das actividades desenvolvidas foi a elaboración de pulseiras solidarias+abrazos solidarios... unha combinación perfecta que pronto teremos a oportunidade de coñecer. Se queredes acceder á noticia desde a páxina do voluntariado galego, premede na seguinte imaxe: 



 

http://www.voluntariadogalego.org/web/index.php?mod=not&ide=2224



miércoles, 12 de marzo de 2014

EXPOSICIÓN SOBRE OS OBXECTIVOS DO MILENIO REALIZADA NO CENTRO

Aínda que este curso estamos embarcados no proxecto "Cooperación Galega: O Mundo que Queremos", cuxa temática condutora son Os ODM (Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio) xa levamos anos no noso centro traballando e reflexionando sobre estas oito metas que, como todos sabedes, terían que terse cumprido no 2015. Estes paneis realizados polo alumnado de ESO no curso 2008-2009 ( xa pasaron 6 anos) e que volvemos a expoñer, axúdannos a reflexionar sobre os logros alcanzados en todo este tempo. A menos dun ano dá data límite para a súa consecución, a pregunta é se os países lograrán esas metas que van dende erradicar a pobreza extrema e a fame, ata fomentar unha asociación mundial para o desenvolvemento. É verdadede que aínda que os ODM contribuíron a "aliviar o sufrimento que vive a maior parte das masas empobrecidas do planeta" como a fame, a pobreza e enfermidades, se está a ver que seguen sen promover o desenvolvemento na medida que non atacan os problemas estruturais, como a desigualdade e a mala distribución das riquezas. De feito, a medida que nos achegamos ao 2015 aumenta a discusión mundial acerca do que se logrou e do que non se logrou cos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio e, o mundo está a repensar xa unha estratexia de desenvolvemento a empregar despois do 2015, ano en que vence o prazo para cumprir cos oito ODM.








Neste podcast podedes escoitar a cuña publicitaria que os alumnos/as de 1º ESO realizaron para difundir os ODM.


martes, 11 de marzo de 2014

LEYMA NATURA VISITA O CPI VIRXE DA CELA

     Os rapaces e rapazas do CPI Virxe da Cela estaban expectantes ante a visita de varios xogadores do equipo de básquet Leyma Natura da Coruña (martes 11 de marzo de 2014). A ocasión ben o merecía: poder ver de cerca a xogadores profesionais deste deporte, coñecer algo máis sobre a súa carreira deportiva e incluso baterse en duelo con estes deportistas de élite. Esta actividade forma parte do proxecto “Colexios con Gancho” que o Leyma Natura leva a cabo en centros escolares da Coruña e a súa área de influencia para promover a práctica do baloncesto entre a mocidade. 

     Agradecemos á Fundación Ayuda en Acción a coordinación desta visita ao noso centro, como parte dun convenio de colaboración que establecemos no pasado mes de decembro con esta ONG, participando no seu proxecto de educación en valores “Agora Toca”. Igualmente temos constancia do apoio que esta Fundación está recibindo por parte de Leyma Natura, sen ir máis lonxe, parte dos cartos recadados na venda de entradas do partido do Leyma Natura contra o filial do FC Barcelona que tivo lugar o pasado venres 9 de marzo de 2014 no Palacio dos Deporte da Coruña foi destinado para o proxecto educativo da Fundación Ayuda en Acción.












sábado, 8 de marzo de 2014

OS ODM: UNHA VISIÓN DESDE O CPI VIRXE DA CELA

Este é o título do primeiro dos mini documentais que os alumnos e alumnas da ESO están a realizar na materia de Relixión, sobre os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio. A este seguirán 8 cortos mais, un por cada ODM.  Este traballo enmárcase dentro  do proxecto "Cooperación Galega: O Mundo que Queremos", (Plan Proxecta 2013-2014).

                                  


PODCAST: "Os Obxectivos do Milenio: unha visión desde o CPI Virxe da Cela"

8 MARZO: DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

O Día Internacional da Muller, que se celebra cada ano o 8 de marzo, bríndanos a oportunidade de revisar os retos pendentes e os logros alcanzados en canto á execución dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio relativos ás mulleres e as nenas. Este é un bo momento para reflexionar acerca dos avances logrados, pedir mais cambios e celebrar a valentía e a determinación de mulleres da pé que xogaron un papel clave na historia dos seus países e comunidades.
O lema deste ano, «Igualdade para as mulleres: progreso para tod@s», subliña como a igualdade de xénero, o empoderamento das mulleres, o respecto total dos dereitos humanos das mulleres e a erradicación da pobreza son esenciais para o desenvolvemento económico e social.
Coa data límite de 2015 xa próxima para a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM), o Día Internacional da Muller é tamén unha oportunidade para pasar revista aos retos pendentes e os logros conseguidos na execución dos ODM para as mulleres e as nenas.

Os países nos que hai mais igualdade de xénero experimentan un maior crecemento económico. As empresas que contan con mais líderes mulleres logran mellores rendementos. Os acordos de paz que inclúen as mulleres son mais duradeiros. Os parlamentos nos que hai mais mulleres aproban mais leis sobre cuestións sociais clave como a saúde, a educación, a loita contra a discriminación e a manutención dos nenos. As probas non deixan lugar a dúbidas: a igualdade da muller supón progresos para todos.».
                                                                                                  Ban Ki-moon Secretario Xeral da ONU

Aquí deixamos un podcast no que o alumnado da ESO do CPI Virxe da Cela reflexiona sobre os Dereitos das Mulleres a través dunha exposición de Amnistía Internacional.