viernes, 20 de abril de 2018

ÚLTIMO OBRADOIRO CAMPAÑA MUNDIAL POLA EDUCACIÓN






Con este obradoiro realizado o pasado venres 20 de abril finalizamos a formación no Proxecta "Campaña Mundial pola Educación".  A modo de conclusión o alumnado de 3º e 4º da ESO fixeron un percorrido por todos os contidos e actividades traballadas ata o momento, encamiñadas todas elas a reflexionar e valorar a educación como motor de cambio. Finalmente, en pequenos grupos, deseñamos e levamos a cabo unha pequena acción na que estes xóvenes de Monfero e Irixoa sensibilizaron, denunciaron e difundiron propostas a través de diferentes vías e formatos. O vindeiro xoves 3 de maio asistiremos, xunto co alumnado e profesorado doutros centros galegos participantes no Proxecta CME, a un acto de mobilización onde esixiremos aos nosos gobernantes un compromiso serio para mellorar e garantir a educación de todos e todas. E como punto final deixamos a continuación as cariñosas palabras de Roi Gutierrez, resumindo o seu paso polo noso centro e as súas impresións máis persoais. Moitas grazas, Roi, e ata pronto!!

O pasado venres día 20 de abril foi a miña última visita dentro da CME 2018. Persoalmente, esta foi a miña primeira vez no CPI Virxe da Cela de Monfero e non podía ser máis acolledora. En AGARESO  percorremos todos os anos diferentes centros en Galicia, e cada un ten unha cousa que o fai especial, no caso de Monfero creo que é a calor. Explícome, porque o primeiro día que fun, alá por febreiro, nevaba polo camiño! Pero a calor sentina dende que entrei e fixen a primeira parada na aula de profesores, onde Yolanda e Verónica encargáronse de facerme sentir como en casa: cómodo e a gusto.

No CPI Virxe de Cela estase a gusto, estano as profesoras e tamén o alumnado. E claro, neste ambiente as persoas desfrutan e participan. Así, dende a primeira sesión a actitude dos rapaces foi de escoita, de atención e tamén de facer bromas, cando tocaba, ou de poñernos máis serios, cando tocaba tamén. Porque nas tres sesións que fun traballamos no activismo dende a conciencia e na conciencia dende a empatía. E para isto hai que saber pensar(se) e escoitar(se) e esta rapazada xa viña aprendida nestes valores.

A educación ten moitísimo poder, tanto que pode mover o mundo. E ese mundo xa comezou a moverse alí, no IES de Monfero, grazas a enerxía que se xera cada día. A que xeran alumnado e profesorado. Por iso foi tan cálida a miña chegada alí. Incluso nun día que nevaba, sentín que nesa escola había un espazo onde aprender, e moito me aprenderon eses rapaces e rapazas a min en tres días… Ata a próxima!

Roi Guitián


No hay comentarios:

Publicar un comentario