Acabamos de recibir unha carta de Pavani, a nena da India que temos apadriñada a través da Fundación Vicente Ferrer. Estamos moi contentos/as ter noticias dela e comprobar como vai avanzando nos estudos e saber algo máis sobre o seu día a día:
Queridos padriños/as: ¡Namaste! Son Pavani. Escribo esta carta con moitas ganas e ilusión. Estou moi contenta de dicirvos que pasei de 8º a 9º curso con boas notas. O meu irmán maior Praven estuda último ano de diplomatura e a miña irmá Pavittura aprovou 10º curso. Nas vacacións de verán fumos a Bangalore. Alí vimos templos e o parque. Paseino moi ben coa miña familia. A miña nai é modista. O meu pai traballa no campo. Moitas grazas pola vosa axuda. Con cariño. Pavani
Alumnos e alumnas de
5º de primaria convírtense en titores e titoras do alumnado de 3º primaria e os
de 3º e 4º de ESO dos que empezan a etapa de secundaria co obxectivo de
mellorar a convivencia e previr o acoso escolar.
Para iso, durante os
meses de setembro e outubro tiveron lugar diferentes sesións informativas e de
formación aos titores e titoras voluntarios, que no caso de primaria nos
acompañaron algunhas familias no momento da entrega de carnés e diplomas e no
caso do alumnado da ESO contou con dous alumnos do IES do Camiño (Palas de
Rei), que nos contaron a súa experiencia como titores.
O alumnado de 5º
de primaria e de 3º e 4º de ESO presentóuse como voluntario para titorizar aos
máis pequenos polo que recibiron o correspondente carné e diploma que o
acredita. O seguinte foi ir á aula dos titorandos (3º primaria e 1º ESO,
respectivamente), facer as presentación e compartir as primeiras tarefas
xuntos.
Hoxe, 17 de outubro, celébrase o Día Internacional para a erradicación da pobreza. Con tal motivo a ONG Entreculturas publica unha unidade didáctica para traballar con rapaces/zas de entre 8 e 16 anos o concepto de desigualdade e as consecuencias que esta ten sobre as persoas a nivel global, explorando alternativas, roles e hábitos de consumo e participación que poden adoptar para contribuír ao deseño dunha contorna global máis xusta e equitativa.
O 11 de outubro conmemórase o Día Internacional da Nena e desde o CPI Virxe da Cela queremos facer eco desta data tan importante. Dos terzos dos nenos e nenas sen escolarizar viven en países ricos en recursos naturais, mais os seus gobernos adican menos dun 3% dos presupostos en educación. Ademais, varios destes países están en conflicto. As nenas que viven nestos países teñen menos posibilidades de ir á escola e unha tasa maior de abandono escolar, tanto en primaria como en secundaria. África Subsahariana, rexión na que se atopan dez destes países en conflicto, é tamén a rexión con maiores desigualdades de xénero. As nenas representan un 55% dos menores sen escolarizar e o 52% das adolescentes sen escolarizar.
Entreculturas elaborou este interesante material didáctico para traballar nas aulas.
Esta fermosa e metafórica "árbore do saber" ilustra unha conmemoración que queremos ter moi presente: O Día Mundial dos Docentes. Celebramos e destacamos a labor tan importante que os docentes xogan na educación unha data no calendario, o 5 de outubro, aínda que sabemos que cada día do ano é igualmente importante. Nesta ocasión o lema elixido é "ensinar con autonomía empodera aos docente". Moito ánimo e... adiante!!
O noso cole conmemora a Semana Europea
dá Mobilidade con actividades relacionadas coa bicicleta, do 2 ao 7 de outubro.
A iniciativa culminará mañá sábado cunha ruta cicloturística polo municipio,
con saída de Serra dá Loba (16.30 horas).
O martes 3 de outubro apaces e rapazas de 4º da ESO percorreron as aulas do CPI Virxe da Cela para difundir a actividade da Campaña de Recollida de Roupa que organizamos no centro en colaboración coa organización Glorr. Transmitiron a todo o alumnado e o profesorado do centro a importancia de participar nesta actividade e repartiron circulares informativas para as familias. Tamén fixeron entrega dunha bolsa por neno/a para depositar a roupa e calzado. Lembrade que desde hoxe mesmo podedes depositar bolsas na entrada do edificio de secundaria. O prazo remata o día 23 de outubro, data en que a furgoneta da organización pasará polo noso colexio para recoller todas as bolsas.
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presidiu hoxe o acto de entrega dos Premios Proxecta de Innovación educativa correspondentes ao curso 2016/ 17, que teñen como obxectivo consolidar e visibilizar a metodoloxía de traballo por proxectos que poñen en marcha os centros participantes no Plan Proxecta. Durante a súa intervención o conselleiro salientou o poder da educación e da formación para acadar as mellores oportunidades que nos brinda o tempo no que vivimos, “a fin de convertelas en novas posibilidades de crecemento económico e social”.
Neste sentido, sinalou os Premios Proxecta como uns galardóns que contribúen a que o ensino se adapte ás expectativas futuras, dado que buscan incentivar o desenvolvemento de técnicas de innovación educativa, motivadoras, dinámicas e á vangarda.
Desta forma, estes galardóns recoñecen a traxectoria colaborativa e multidisciplinar dos centros, buscando integrar dinámicas que incentiven o emprendemento e a creatividade nas aulas, a formación en valores cívicos e sociais, o pensamento crítico, a xestión da diversidade e o traballo en equipo. Así mesmo, contribúen a preparar ao alumnado “para facerse oco nunha sociedade cada vez máis tecnificada”.
O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia agradeceu a todas as persoas que fan posible tanto o Plan Proxecta como os premios o seu esforzo diario e compromiso coa educación como ferramenta para mellorar o futuro. Así mesmo felicitou a docentes e alumnos polo traballo realizado, que serve de exemplo de boa práctica e axuda a avanzar ao conxunto da comunidade educativa.
Centros galardoados
Na categoría A, dirixida ás Escolas de Educación Infantil (EEI), aos Colexios Rurais Agrupados (CRA), aos Centros de Educación Especial (CEE), aos Centros de Educación Infantil e Primaria (CEIP) e aos Centros de Educación Primaria (CEP); o primeiro premio foi para o CEIP de Rubiáns (Vilagarcía de Arousa), o segundo para o CEIP de Laredo (Redondela) e os terceiros para o CEIP A Rúa (Cangas) e o CEIP Illas Cíes (Vigo). Nesta mesma categoría obtiveron un accésit pola calidade dos seus traballos os CEIP de Espedregada (Pontevedra), Plurilingüe Riomaior (Vilaboa), Plurilingüe San Marcos (Abegondo), Plurilingüe Curros Enríquez (Celanova), Xesús San Luís Romero (Carballo) e Plurilingüe San Xoán de Filgueira (Ferrol).
Na modalidade B, destinada á participación de Centros Públicos Integrados (CPI), Institutos de Educación Secundaria (IES), Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) e centros públicos de educación e promoción de adultos; o primeiro premio foi para o CPI Plurilingüe Virxe da Cela (Monfero), o segundo para o IES Carlos Casares (Vigo), e os terceiros para os IES A Pinguela (Monforte de Lemos) e A Cachada (Boiro). Nesta categoría obtiveron accésit os IES Terra de Trasancos (Narón), Fontem Albei (A Fonsagrada) e Brión (Brión), o CIFP Coroso (Ribeira) e os CPI Plurilingüe Eusebio Lorenzo Baleirón (Dodro) e Terras de Maside (Maside).
Monferosolidario quere un ano máis apoiar a campaña de recollida de roupa usada e calzado, a favor da ONG Glorr & Global Humanitaria, para asistir aos menores e familias que se encontran en situación de precariedade económica ou exclusión social no territorio nacional. Para isto visitaremos as aulas do noso centro presentando esta campaña aos nosos alumnos e repartindo esta nota informativa, así como as bolsas para depositar a roupa. A data límite de recollida será o luns 23 de outubro de 2017. As bolsas poderán depositarse nas entradas do centro escolar. Agradecemos a súa colaboración.