lunes, 20 de octubre de 2014
miércoles, 15 de octubre de 2014
MONCHO FERRER
Moncho Ferrer, fillo do xa finado Vicente Ferrer, e na actualidade Director de Programas da Fundación Vicente Ferrer, visitará A Coruña o vindeiro martes 21 de outubro. Impartirá unha charla ás 20:00 horas no Centro Sociocultural Afundación (Cantón Grande, 8, A Coruña). As coordinadoras de Monferosolidario asitiremos a este evento para saudar a Moncho Ferrer (a quen tivemos a oportunidade de coñecer personalmente cando recollimos o Premio Nacional de Educación para o Desenvolvemento "Vicente Ferrer" en Madrid, setembro 2009), e para seguir informándonos sobre os diferentes programas da Fundación, especialmente o vinculado co eido da educación. Animamos asimesmo a toda a nosa comunidade educativa a asistir á conferencia e axudar a difundir esta actividade.
Etiquetas:
Fundación Vicente Ferrer,
FVF,
Moncho Ferrer
XORNADAS DE EDUCACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO E CIDADANÍA GLOBAL
A Universidade da Coruña organiza as Xornadas de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global, que se levarán a cabo o vindeiro 28 de outubro e 6 de novembro de 2014 no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación.
Etiquetas:
Cidadanía Globla,
educación para o desenvolvemento,
Xornadas
CHARLA DE RAMADEVI RAPTHADU
Ramadevi Rapthapu deixou ao seu paso polo CPI Virxe da Cela (martes 14 de outubro de 2014) un halo de exotismo, sinxeleza e calidez. Ataviada cun fermosísimo sari de cor azul turquesa e fucsia, elegantemente peiteada coa súa melena brillante nunha extensa trenza e levando outros accesorios típicos das mulleres casadas da India (un bindi colorado na súa fronte, un colar de contas verdes e vermellas e aneis nos dedos dos pes), Ramadevi chegou ao noso centro repartindo sorrisos e abrazos a todo o mundo.
Recibiu aos rapaces e rapazas que entraban la aula onde se impartiron as charlas cun sereno “namasté”, xesto de benvida, á par que marcaba as súas frontes cun minúsculo puntiño de pigmento vermello.
Presentouse ao seu público cun case que perfecto castelán, e durante tres charlas dunha duración aproximada de 50 minutos cada unha, falou non soamente da labor que a Fundación Vicente Ferrer está a levar a cabo en Anantapur (a India), senón da vida e do papel que as mulleres lles toca vivir neste país no que aínda no século XXI predomina unha cultura patriarcal. Para poder entender as enormes desigualdades que se observan na India, Ramadevi explicou o sistema de castas que aínda impera no seu país e que condena aos dalits e outras castas inferiores a vivir na pobreza e na miseria desde e mesmo momento do seu nacemento.
A visita de Ramadevi (ao igual que as de Lancy Dodem e Sasi Cuti en anos anteriores) complementa o traballo de achegamento á cultura india e ao traballo da Fundación Vicente Ferrer que se leva a cabo no noso centro desde o ano 2009 a través do proxecto School to School. Consideramos que entender o mundo máis aló da noso contorna é fundamental para respectar a diversidade cultural e entendela como un elemento que nos enriquece aos seres humanos, e non como unha ameaza e unha semente para o conflito.
Etiquetas:
Fundación Vicente Ferrer,
FVF,
Ramadevi Rapthadu
viernes, 10 de octubre de 2014
MALALA E SATYARTHI, PREMIO NOBEL DA PAZ 2014
A paquistaní Malala Yousafzai, a moza á que os talibáns
dispararon á cabeza en 2012 por defender a escolarización das mulleres, e o
activista indio Kailash Satyarthi foron galardoados este venres co Nobel da
Paz 2014 "pola súa loita contra a opresión dos nen@s e os moz@s e polo
dereito de todos os nen@s á educación".
No caso de Satyarthi, resaltou que "mostrando gran
valor persoal" e seguindo a tradición de Gandhi, "liderou varias
formas de protesta e manifestación, todas pacíficas, centrándose na grave
explotación dos nenos para obter beneficios financeiros". Así mesmo,
"contribuíu" ao desenvolvemento de importantes convencións internacionais"
"sobre os dereitos dos nenos". Kailash Satyarthi, enxeñeiro
informático indio que hai 28 anos abandonou o ordenador para denunciar ás
multinacionais que no seu país explotan nenos de entre 5 e 12 anos de idade,
encabeza a organización Global March, que liberou da escravitude empresarial a
uns 80.000 nenos en máis de 160 países.
En canto a Malala, "malia a súa xuventude", leva
anos loitando polo dereito das nenas á educación e mostrou co seu exemplo
que os nen@s e os moz@s tamén poden contribuír a mellorar as súas propias
situacións. Ademais, fíxoo baixo as mais
perigosas circunstancias. Mediante a súa loita heroica converteuse nunha
destacada voceira dos dereitos das nenas á educación.
NORABOA A ÁMBOLOS DOUS!!!
11 DE OUTUBRO: DÍA INTERNACIONAL DAS NENAS
Este sábado 11 de outubro, é o Día Internacional das Nenas e desde Monferosolidario queremos ter presentes especialmente aos case 25 millóns de nenas en todo o mundo que non teñen garantizado o dereito á educación.
Sumámosnos á nova Premio Nobel da Paz, MalalaYousarfzai na súa loita por defender o dereito á educación das nenas no mundo.
Etiquetas:
Día intermacional das nenas,
premio nobel paz
miércoles, 8 de octubre de 2014
VIDEO CAMPAÑA 2014 "A CADEIRA VERMELLA" DE ENTRECULTURAS
Entreculturas presenta "A cadeira que multiplica oportunidades", unha nova edición de "A Cadeira Vermella", iniciativa iniciada en 2012 co obxectivo de chamar a atención simbólicamente sobre a alarmante cifra de nenos e nenas que non van á escola (58 millóns en educación primaria e 63 millóns en educación secundaria). Este ano, en concreto, a campaña céntrase no aspecto da inclusión, remarcando que todos os nenos e nenas teñen dereito a asistir á escola independentemente do seu lugar de residencia, a capacidade económica das súas familias, o seu xénero, o seu idioma, a súa orixe étnica ou as súas diferenzas de capacidades.
Etiquetas:
A cadeira vermella,
Entreculturas,
La Silla Roja
martes, 7 de octubre de 2014
CARTA DO MINISTERIO DE ASUNTOS EXTERIORES E COOPERACIÓN INTERNACIONAL
A protesta non ten por que vir da man da violencia, senón que podemos utilizar ferramentas moito máis efectivas para loitar coas inxustizas. O diálogo é unha delas, e confiamos que unha palabra ben utilizada poda dar moitos froitos. O pasado curso académico unímonos a unha proposta da Campaña Mundial pola Educación (CME) 2014, que consistía na redacción de cartas aos políticos, xa que nas súas mans está modificar as leis que faciliten unha educación de calidade para todos e para todas.
O alumnado de 4º da ESO na materia de Educación Ético-Cívica centrou a proposta dirixindo as súas cartas a José Manuel García Margallo, ministro de Asuntos Exteriores e Cooperación Internacional. Fai unha semana o gabinete do ministro redactou unha carta en resposta ás peticións e cuestións dun alumno de 4º de ESO, que a continuación publicamos. Este é un dos exemplos que nos verifican que é posible aportar unha pequena acción para cambiar o mundo.
O alumnado de 4º da ESO na materia de Educación Ético-Cívica centrou a proposta dirixindo as súas cartas a José Manuel García Margallo, ministro de Asuntos Exteriores e Cooperación Internacional. Fai unha semana o gabinete do ministro redactou unha carta en resposta ás peticións e cuestións dun alumno de 4º de ESO, que a continuación publicamos. Este é un dos exemplos que nos verifican que é posible aportar unha pequena acción para cambiar o mundo.
EDUCAR PARA A CIDADANÍA GLOBAL
Entre os días 19 e 21 de outubro de 2012 celebráronse no Campus Vida da Universidade de Santigo de Compostela as I Xornadas de Educación para o Desenvolvemento. Baixo o título "Educar para a cidadanía global: experiencias, ferramentas e discursos para o cambio social", a Coordinadora Galega de ONGD (CGONGD), a través da súa Comisión de Educación para o Desenvolvemento, quixo convocar por vez primeira en Galicia a un conxunto senlleiro de expertos e expertas en educación para o desenvolvemento e a cidadanía globla para xerar un espazo de debate e reflexión sobre os actuais desafíos para a promoción dunha cidadanía global comprometida coa solidariedade e o cambio social desde o local.
Desde o CPI Virxe da Cela queremos dar os nosos máis sinceiros parabéns a José Luís Pastoriza Rozas, autor da publicación que documenta estas xornadas, polo seu grande esforzo e dedicación para que este libro saia á luz.
Penduramos a publicación en formato PDF, na que poderedes atopar o texto "Educar para a solidariedade no CPI Virxe da Cela: a experiencia de Monferosolidario" (páxinas 19-29).
Etiquetas:
CGONG,
educación para o desenvolvemento
RAMADEVI RAPTHADU
O vindeiro martes 14 de outubro de 2014 contaremos no CPI Virxe da Cela coa visita de Ramadevi Rapthadu como embaixadora de Fundación Vicente Ferrer. Impartirá no noso centro varias charlas dirixidas ao alumnado de EI, EP e ESO, enfocadas no papel da muller na India rural. Esbozamos uns datos sobre esta ponente:
Ramadevi é natural de Akutotapalli, unha aldea situada a 10 km. de Anantapur, A India. Ten 32 anos e fala telugu (a lingua local de Anantapur), inglés, castelán e catalán. Casou ao finalizar os seus estudos de secundaria e, despois de casar, estudou Humanidades. Ten un fillo de 11 anos que se chama Sudarsa, como un deus hinduista. En 1998 comezou a traballar como tradutora da Fundación Vicente Ferrer na India, poñendo a disposición as súas capacidades para facilitar a comunicación efectiva dos nenos e nenas apadriñados coas persoas solidarias de España. Ademais, facilita os procesos de visita de colaboradores e colaboradoras que chegan á India para coñecer os proxectos da Fundación. Este será a súa terceira viaxe a España como voceira da Fundación. Durante a súa estancia acompañará o camión-exposición "Mulleres: a forza do cambio na India", que nas vindeiras semanas percorrerá diferentes cidades da xeografía española.
Etiquetas:
Fundación Vicente Ferrer,
FVF,
muller,
Ramadevi Rapthadu
jueves, 25 de septiembre de 2014
PAVANI 2014
Iniciamos o curso académico 2014-2015 cunha carta de Pavani, a nosa amiguiña da India que está a ser apadriñada polo alumnado do CPI Virxe da Cela dentro dun programa da Fundación Vicente Ferrer. Fai xa case catro anos que o alumnado que cursaba entón 4º da ESO tivo esta iniciativa, e desde entón, ano tras ano, estes alumnos/as que deixan o noso colexio, pasan o relevo á nova clase de 4º da ESO. Transcribimos a continuación a carta que Pavani escribiu en lingua telegu aos seus padriños e madriñas:
Queridos amigos/as:
Aquí estamos moi ben de saúde e esperamos que tamén o esteades vos. Pasei o 6º curso, por iso estou moi contenta desde que sei esa noticia. Tiven as vacacións de verán desde o 24 de abril ao 12 de xuño. Nestes días, a Fundación Vicente Ferrer deu unhas clases especiais aos alumnos/as de 6º curso para as materias de Hindi, Inglés, Telegu e Matemáticas, e eu tamén asistín a elas. Fun á cidade de Bangalore. Alí viven os meus tíos. Os meus pais traballan no campo.
Moitas grazas pola vosa axuda. Pavani.
martes, 23 de septiembre de 2014
1ª XUNTANZA DO CURSO 2014-2015 DOS PROFES DA REDE SOLIDARIA DE ENTRECULTURAS
Comeza un novo curso e con el comezan tamén as actividades
da Rede Solidaria. E para ir quentado motores, como diría a nosa queridísima
Sandra, acudimos este venres 19 de setembro á primeira xuntanza de
profesores convocada por Entreculturas e realizada en Santiago. Non puidemos estar todos os profes pero fomos
unha boa representación da Rede, como podedes ver nesta foto de familia.
Na reunión, Sandra fixo un resumo das conclusións sacadas das avaliacións realizadas polos grupos asistentes á actividade zonal de fin de curso da Rede Solidaria da Mocidade e entregounos e comentou o material e as campañas educativas pera este novo curso 2014-2015, así como a presentación da AXENDA de actividades da Rede Solidaria cuxa temática será “Educación e dereitos económicos, sociais e culturais”.
Subliñar como
principais novidades para este curso as seguintes:
·
A celebración dos 10 anos da Rede Solidaria da
Mocidade en Galicia. Esta efeméride terá especial protagonismo durante a celebración
da Asemblea de comezo de curso, así como ao final do curso escolar.
·
Apoio aos grupos da Rede Solidaria en 2 aspectos
principais: por unha banda no primeiro trimestre do ano faranse visitas aos
grupos, durante as que se realizarán diagnósticos que axuden no acompañamento e
planificación das accións e, por outra banda, se dará visibilidade e recoñecemento ao traballo dos
grupos da Rede Solidaria ante os equipos directivos dos centros e a Consellería
de Educación.
Todo isto o podedes ler mais detidamente nos documentos
adxuntos que tedes mais abaixo e que podedes tamén descargar desde este blog.
Benvidos/ás ao novo curso da Rede Solidaria!!!
domingo, 21 de septiembre de 2014
DOCUMENTAL DO CPI VIRXE DA CELA PRODUCIDO POR AYUDA EN ACCIÓN
Baixo o título "En el ámbito rural el colegio es el lugar donde se pueden encontrar con iguales" estase a lanzar este documental de catro minutos de duración producido por Ayuda en Acción e realizado por Gabriel Pecot e Celia Hernández. A través deste video reflíctese o proxecto de colaboración iniciado o pasado curso escolar entre a Fundación Ayuda en Acción, o CPI Virxe da Cela e a ANPA deste centro. Unha docente, unha alumna e unha nai da ANPA poñen a súa voz e testenuña para describir a situación actual deste centro escolar ubicado no rural galego que acolle alumnado dos concellos de Monfero e Irixoa. Toda a comunidade educativa está implicada neste proxecto de educación en valores que trata de dinamizar o noso centro, principal punto de "socialización" do noso alumnado.
Etiquetas:
Fundación Ayuda en Acción,
video
sábado, 20 de septiembre de 2014
XA ESTAMOS DE VOLTA!!!
Pois si, xa está aquí o novo curso escolar. Comezamos esta nova andaina con
ilusións renovadas, con moitas ideas, proxectos en mente e ganas de aprender,
porque na vida todos somos eternos aprendices.
Esperamos que o verán fora aproveitado do mellor modo
posible, e que o seu recordo axude a alimentar esa actitude positiva tan
necesaria e intelixente de ser felices e de facer felices aos demais. Así que
aí van os nosos mellores desexos para este novo curso.
Saúdos e feliz curso dende Monferosolidario
Suscribirse a:
Entradas (Atom)







