miércoles, 11 de junio de 2025

Radio cun sorriso: por un horario escolar feliz. Á procura do consenso sobre o horario escolar no CPI Virxe da Cela.

O alumnado de 2º da ESO do CPI Virxe da Cela de Monfero levou a cabo unha investigación sobre os motivos polos que se fixou o actual horario escolar e as consecuencias que ten na distribución do seu tempo de estudo e lecer. O resultado foi a elaboración dun programa de radio no que se realizou unha enquisa entre as alumnas e alumnos do centro para coñecer o grao de conformidade co horario no que se desenvolve a xornada escolar e unha entrevista á directora, que resolveu dúbidas e orientou de cara á posibilidade de lograr cambios.

Imaxe representativa da proposta realizada polo alumnado de 2º da ESO.

Esta experiencia radiofónica pretende que o alumnado se familiarice coas formas de participación que regulan a vida dun centro e se implique nos procedementos para obrar transformacións que redunden na mellora da calidade educativa, contribuíndo ao desenvolvemento do obxectivo 4 das ODS: “Garantir unha educación de calidade”. 

Descrición do proceso (e accións principais). Como se desenvolveu.

O proxecto desenvolveuse entre os meses de xaneiro e xuño de 2025 abranguendo un total de cinco sesións impartidas cunha periodicidade mensual por unha profesional da comunicación da agrupación AGARESO. Na primeira sesión o alumnado propuxo varios temas do seu interese e despois de poñelos en común decidiron investigar sobre un asunto que os concernía especialmente, o horario escolar. A partir de aí, elaboraron un plan de traballo e un guión de programa radiofónico que concluiría coa entrevista a María del Camino Pereiro González, directora do CPI da Virxe da Cela, que ofreceu información contrastada e fundamentada sobre o tema.   

(LUCES)

Que situacións actuais no noso arredor nos preocupan?

A experiencia comezaba preguntando ao alumnado sobre situacións actuais que os afectaban ou preocupaban especialmente. Cada participante escribiu nun post-it os asuntos do seu interese e expúxoos diante dos demais para despois proceder a unha votación mediante puntos adhesivos de cores.  A elección foi practicamente unánime, pois sentían que o feito de entrar máis tarde que noutros centros condicionaba o seu día a día. Decidida a temática, o alumnado abordou o asunto a partir das seguintes preguntas: por que entramos tan tarde?, quen decidiu o horario?,  estamos conformes?, como afecta as nosas vidas?, é posible entrar máis cedo e que non se alongue a xornada pola tarde? Tras o debate en grupo, o alumnado decidiu facer unha entrevista á directora do centro para informarse máis sobre o tema e unha enquisa entre o alumnado para saber se estaban de acordo co horario actual e se coñecían as causas de entrar máis tarde do normal.

(CÁMARA)

Por que entramos máis tarde que noutros centros? Estamos de acordo co actual horario?

No proceso de análise chegouse á conclusión de que entrar ás 9.45 condicionaba a xornada de alumnado e familias. O feito de entrar a esa hora retrasa a saída ata as 16.45 e ademais fai que se acurte o tempo para comer ao mediodía, obrigando en moitos casos a usar o comedor escolar. Para coñecer a opinión do alumnado do centro fíxose unha enquisa entre compañeiros e compañeiras de 1º, 3º e 4º da ESO e 6º de EP. Nela preguntábase cal crían que eran as razóns polas que entraban máis tarde que noutros centros e se  estaban de acordo co horario. A enquisa puxo de manifesto a desconformidade da maior parte do alumnado, que prefería saír antes pola tarde para dedicarllo a tarefas escolares e extraescolares ou dispor de máis tempo de lecer. Entre as causas, o alumnado destacou o horario dos autobuses, que se ocupan antes do transporte doutros centros. A enquisa foi gravada e emitida no programa de radio.

Imaxe realizada polo alumndo para representar a súa proposta de acción a partir desta investigación.
(ACCIÓN)

Pedimos unha entrevista coa directora do CPI Virxe da Cela

Despois de coñecer as preferencias do alumnado sobre o horario escolar, o grupo decidiu dirixirse á dirección do centro coa intención de afondar sobre os motivos que xustificaban o horario e saber se é posible cambialo.

Concertouse unha entrevista coa directora do CPI Virxe da Cela, Camino Pereiro González, que resolveu moitas das dúbidas, ofreceu o seu punto de vista, solidarizándose coas inquietudes do estudantado, invitou á reflexión e orientou para actuar no caso de que estivesen dispostos a intentar cambialo. 

Ao tempo, xa temos a nosa experiencia no Mapa de experiencias para a cidadanía global.
Cénit
Imaxe do mapa do Cenit onde se recolle a experiencia.


No hay comentarios:

Publicar un comentario