martes, 1 de octubre de 2024

Educación social na escola: Asociación Euroeume

Coa finalidade de contribuír á creación dunha nova cultura escolar que atenda aos fenómenos sociais presentes na nosa sociedade cambiante, e responda a novos escenarios de intervención escolar nace esta iniciativa en colaboración con Euroeume

Favorecendo que as nenas e os nenos cheguen a ser persoas activas, responsables, e respectuosas co mundo no que viven. E poidan transformalo, dacordo con principios éticos e sostibles.

Para o cal desenvolvemos distintos proxectos:

  • Hortos e Composteiros: a nosa proposta céntrase na posibilidade de impulsar a transformación dos residuos orgánicos xerados no centro en compós que, posteriormente, se utilizará como abono no horto escolar, para favorecer o bo funcionamento do ecosistema da horta. Dando a coñecer as técnicas propias da agricultura ecolóxica, sabendo escoller os cultivos e as rotacións que mellor se adapten ao tipo de solo e ao clima do noso entorno.

  • Proxecto Ríos: desenvolvemos este proxecto coa intención de coñecer mellor os ecosistemas acuáticos e promover comportamentos que redunden na súa conservación, así como, o achegamento e a vinculación da poboación co contorno fluvial.

  • Enraizadas: o sentido deste programa é a visibilización das mulleres no sector primario da comarca e difusión dos valores do ecofeminismo. Incidindo nun cambio de mentalidade no que os traballos reprodutivos, e as persoas que os sustentan, se convertan en referentes. Contribuíndo ao desenvolvemento rural, a soberanía alimentar e o consumo consciente. A través de tres sesións traballamos sobre as referentes da infancia,  as historias de vida de distintas mulleres rurais da nosa comarca, e finalizamos cunha entrevista de radio ás mesmas.

  • Coidando-nós: A través do desenvolvemento dos Consellos Escolares da Infancia, cunha metodoloxía de traballo vivencial, buscamos favorecer o exercicio dunha cidadanía crítica e comprometida. Desenvolvendo ferramentas que fomenten o diálogo e a convivencia positiva, cun rol activo ante os posibles problemas de convivencia, así como a transformación pacífica dos conflitos. Iniciamos ademais da man de Andrea Bechlian, especialista en disciplina positiva,  un programa integral de sensibilización a toda a comunidade educativa, formación do alumnado, e creación un equipo mediador axudante.

No hay comentarios:

Publicar un comentario