martes, 30 de junio de 2015

ENTRECULTURAS: PREMIO NACIONAL DE EDUCACIÓN

       A Rede Solidaria da Mocidade de Entreculturas vén de recibir o Premio Nacional de Educación concedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, na categoría de "Proxectos de Entidades para a Promoción Educativa" e na modalidade "Educación para o Desenvolvemento". Con este premio queda recoñecida a labor realizada durante catorce anos dirixida a adolescentes entre 12 e 18 anos escolarizados en centros de educación formal, como a nosa escola CPI Virxe da Cela. Este é un premio ben merecido para todos e todas: a xente que coordina o proxecto desde arriba, os técnicos e técnicas de cada unha das delegacións provinciais, aos profes que promoven a Rede na escola, e por suposto a todos os mozos e mozas que tecen esta enorme rede da solidariedade. Nas palabras de Irene Ortega, responsable de Educación para o Desenvolvemento en Entreculturas: 

       "Esperamos que este premio sirva de respaldo al trabajo y a la ilusión que tantas personas (jóvenes, docentes, equipos de educación, talleristas, etc.) ponen en este proyecto. También confiamos en que nos abra puertas a nuevas alianzas con las administraciones educativas. GRACIAS a todas las personas que, de muy diversas maneras y en distintos momentos de su historia, han contribuido a que la Red Solidaria de Jóvenes sea un espacio de crecimiento personal y de gestación de compromisos solidarios para tantos adolescentes, así como de desarrollo vocacional para los más de 220 profes que lo hacen posible". 


      Se queredes saber máis sobre esta interesante noticia, premede ao enlace:




domingo, 21 de junio de 2015

ENCONTRO FIN DE CURSO REDES SOLIDARIAS ASTURIAS E GALICIA












Aínda que un imprevisto de última hora non permitiu a asistencia do alumnado e profesorado da Rede Solidaria de Asturias, medio centenar de persoas, entre alumnos/as, profesores/as, voluntarios/as e técnicos/as de Entreculturas reunímonos en Mondoñedo os días 19 e 20 de xuño de 2015 para celebrar o encontro de final de curso. Por primeira vez na historia da Rede en Galicia este acto de clausura supuxo compartir un día enteiro e incluso pernoctar, feito que sin dúbida afianza os lazos de unión entre todos os asistentes. A hospedería Santa Catalina de Mondoñedo foi o lugar elixido para desenvolver este "minicampañento" no que houbo actividades moi divertidas e variadas: presentacións, bailes, merendolas, e incluso unha simpática "batalla" entre dous bandos que durou ata a madrugada, amenizada polos infatigables Abel e Iris e levada a cabo en penumbra e reptando polo chan do ximnasio... E como punto final e despedida unha pila de agasallos elaborados a man e unhas fermosas tarxetas para todos os alumnos/as que ao rematar os estudos de 4º da ESO viviron a seu último encontro... aínda que estades convidados a seguir formando parte da Rede, agora como voluntarios/as!

viernes, 19 de junio de 2015

FIN DE CURSO 2015


Despois de varias semanas de traballo intenso, exames, estrés, chegou o momento máis desexado: o final de curso. A partir de agora unhas máis que merecidas vacacións, deixando os libros e outras responsabilidades aparcadas ata o vindeiro mes de setembro. Foi un día de festa, con música, diplomas (contamos incluso coa visita de María Caride, técnico da ONG Solidariedade Internacional Galicia, para repartir os diplomas do proxecto "Creando Cidadanía Global"), discursos, a algunha bágoa... E que para o alumnado de 4º da ESO esta foi a derradeira xornada no CPI Virxe da Cela, despois de doce anos compartindo aula e pupitre... Ante estes rapaces e rapazas preséntase unha nova etapa na vida, noutro centro educativo. Botaremos en falta os vosos sorrisos e a vosa alegría, e vos desexamos o mellor... e xa sabes, non dubidedes e pasarvos polo noso "cole" a facernos unha visita. Sempre será a vosa casa. 

jueves, 18 de junio de 2015

XORNADA FORNOS SOLARES NO CPI VIRXE DA CELA










Pois despois de tanta teoría, chegou por fin a práctica... Tivemos que esperar a chegada dos días máis soleados e calurosos do mes de xuño para poñer en funcionamento os fornos solares elaborados durante o curso. Podedes ver nestas imaxes ao alumnado de 5º e 6º de educación primaria do CPI Virxe da Cela, acomañados polas súas profes Lucía e Sonia, levando a cabo todo o proceso: desde a preparación dos alimentos (pelado e cortado de vexetais, adobo e aliño da carne), a colocación no forno solar e finalmente o resultado: un delicioso polo e mazás asadas de postre! Umm, fáisenos a boca auga...

miércoles, 17 de junio de 2015

TAPÓNS PARA UNHA NOVA VIDA 2015



Achégase o final de curso e agora é momento de facer reconto de todos os tapóns recadados durante todos estes meses. Como podedes ver nas imaxes, xuntáronse unha pila de caixas, tapón a tapón, gotiña a gotiña, graniño a graniño, e unha pequena axuda converteuse nunha enorme montaña. Esperemos que algún neno ou nena enfermo/a poda sacar partido a este xesto solidario e que esta pila de tapóns axude a sufragar parte dos elevados custos de operacións e outros servizos hospitalarios aos que irán a parar os "Tapóns para unha nova vida".


domingo, 14 de junio de 2015

A ÁRBORE DAS CORES



Poucos días despois da celebración do Día da Árbore e do Día do Medio Ambiente queremos deixar constancia neste espazo doutra actividade que ten que ver con estes importantes elementos da natureza, as árbores. Nesta ocasión trátase dunha intervención artístico-paisaxística que levaron a cabo o alumnado de 6º de educación primaria e 1º da ESO, e que consiste en "customizar" as árbores que temos no patio escolar do CPI Virxe da Cela con diferentes obxectos de refugallo, principalmente cds usados. A idea é xenial e o resultado aínda mellor...


ESPECIAL RADIOFÓNICO SOBRE A PAZ

A palabra paz significa que os dereitos dun rematan onde empezan os de outro, baixo a tolerancia. Todos queremos a paz ¿pero de verdade a buscamos? este programa, feito polos rapaces de 2º da ESO, é unha reflexión sobre a paz, dende os pequenos xestos ata os grandes conflictos. A Radio dende o CPI Virxe da Cela.
 




viernes, 12 de junio de 2015

FINALISTAS NO FESTIVAL OLLOBOI

O noso centro co mini-documental “Os obxectivos do Milenio, unha visión dende o CPI Virxe da Cela", resultou finalista na categoría “Peleóns” (categoría que premia aos audiovisuais coa temática máis reivindicativa e comprometida), nesta nova edición do Festival Audiovisual Galego Olloboi, ao que se presentaron 60 centros educativos cun total de 150 traballos. 
A gala, que tivo a súa final o 30 de maio en Boiro, resultou todo un éxito, tanto de público como de participación. O día comezou pola recepción dos participantes nas instalacións do Náutico de Cabo de Cruz. Desde alí os participantes dirixímonos a nave de Asteleiros Triñanes, que por un día se transformou en sala de cine. Alfonso Zarauza e Luis Avilés presentaron nela as súas películas “Encallados” e “Unary”. Os actos remataron na Casa de Cultura da Cachada coa gala de entrega de premios, conducida polos actores Federico Pérez e X.A. Touriñán e coa colaboración musical do alumnado de Música do CPI de Dodro. Contouse, asemade, coa presenza dos membros do Xurado: o profesor Nacho Rodiño, o técnico de cultura de Boiro Alberto García e a actriz Sabela Hermida. 
 Non acadamos o premio final pero xa somos uns gañadores por chegaren ata aquí. Felicitar tamén ao CPI Conde de Fenosa de Ares que resultou finalista na categoría de “Embarcacións tradicionais” co seu vídeo "Meteorefráns". 
 Parabéns a todos os alumnos e alumnas que participáchedes no traballo, aos que estades no centro e aos que estabades o ano pasado en 4º ESO e xa non estades, xa que este traballo comezou a xestarse no curso pasado.










IMPACT DAY














A súa intención era causar un grande impacto entre o alumnado. Para isto viñeron elegantemente e rigurosamente uniformados cos seus traxes de chaqueta, e así tomaron o pasado venres 12 de xuño a aula de usos múltiples máis dunha ducia de traballadores/as  da oficina coruñesa da prestixiosa empresa Deloitte (Deloitte Touche Tohmatsu Limited). Cambiaron a súa rutina habitual nas áreas de consultoría, asesoría e auditoría por unha experiencia “docente” no CPI Virxe da Cela (Monfero), convidados pola Fundación Ayuda en Acción, que nos ofertaba unha xornada única para abordar as temáticas de emprendemento e economía doméstica.
Foi unha mañá moi intensa, repleta de actividades, dinámicas, vídeos impactantes, testemuñas e moitos consellos para unha mocidade que ten todo o futuro por diante, cunha clara e mensaxe: temos que tratar de potenciar e sacar partido aos nosos talentos e deste xeito poderemos facer todo o que nos propoñamos. Un sabio consello que lembraremos non so nesta etapa de formación académica, senón mirando a un futuro próximo onde teremos que lanzarnos á vida profesional.
Si os alumnos/as saíron impactados desta experiencia, non foron menos os nosos convidados de Deloitte. Non daban crédito ao todo o que descubriron e aprenderon tamén  dos rapaces e rapazas da ESO, que en todo momento participaron activamente, demostraron as súas capacidades creativas e emprendedoras, exhibiron a súa preparación no mundo da “oratoria” e incluso puxeron de manifesto tanto nas aulas, no patio escolar ou no comedor unhas pautas de conduta e educación que son dignas de admirar… 



jueves, 11 de junio de 2015

DÍA DA ÁRBORE








Algunhas profes e alumnas e alumnos do noso cole participaron na recuperación da Festa da árbore que se celebrou na contorna do Mosteiro de Monfero o 23 de maio de 2015. Dalí trouxéronnos de agasallo unha figueira que prantamos para que lle faga compaña a todas as árbores que xa temos no recinto como pradairos, freixos, castiñeiros, etc.

INFORMATIVO POSITIVO NO CPI VIRXE DA CELA

O tempo voa na nosa redacción (Laboratorio Radiofónico con Lucía Abarretegui e Sergio Pascual), eno terceiro trimestre deste 2015 a nosa radio recibe ós redactores de 5º e 6º de primaria. Con Informativo positivo o achegámonos á figura do editor, aquel que decide qué información entra no programa e, moi importante, en que orde. Para que todo vaia ben terá que facer traballo en equipo cos redactores e productores. Neste caso por levar á contraria ós informativos convencionais, facemos un boletín cheo de novas boas: "Solidariedade para os nenos con cancro", "Na agricultura participan as mulleres", "Aínda que pareza mentira os españois reciclan", e "A riqueza das familias aumentou". 
 

miércoles, 10 de junio de 2015

AS NOSAS DEPORTISTAS



     

Con motivo da conmemoración do Día internacional da muller traballadora o alumnado de 4º de primaria do CPI Virxe da Cela elaborou un mural con información das deportistas máis representativas do Estado español. Os obxectivos desta actividade son: : dar a coñecer as mulleres deportistas, tan silenciadas polos medios de comunicación; fomentar a coeducación e a igualade entre os diferentes sexos; elaborar diferentes materiais en lingua galega e fomentar o emprego das novas tecnoloxías. 

      A actividade consistiu na busca en internet de información sobre mulleres deportistas como Teresa Portela, Mireia Belmonte ou Amaya Valdemoro. Posteriormente elaborouse unha biografía que se espuxo nun mural xunto a unha foto de cada unha delas, para dar a coñecer estas mulleres ao resto da comunidade educativa.


viernes, 5 de junio de 2015

XANELA ABERTA








      O CPI Virxe da Cela ten sempre as portas e as xanelas abertas a todas aquelas persoas e colectivos que se acheguen na procura do intercambio de experiencias. Tal e o caso de Amarante Setem (organización galega de solidariedade para o ecodesenvolvemento que ten por obxectivo favorecer relacións máis xustas e equitativas que promovan a solidariedade, o consumo responsable e a cooperación) que visitou o noso centro o pasado sábado 6 de xuño de 2015.  Esta visita constituía o punto de partida da IV Xornada Xanela Aberta que esta organización levará a cabo durante esta fin de semana nas terras de Monfero, achegándose á nosa escola para coñecer o traballo que desde ela se fai en relación ao territorio onde se inxire, con miras ao respecto, valoración, conservación e transmisión do noso patrimonio natural e inmaterial. 

     Tras uns minutos de saúdos e presentacións un grupiño de alumnos/as (que voluntariamente acudiron á convocatoria) deron inicio ao acto de apertura oficial efectuando unha interesante e simpática visita guiada a través do fantástico percorrido “Un muro cargado de valores”, ese lenzo pintado polo propio alumnado do centro que decora as pareces da nosa escola e que reflicte o noso interese por conservar a natureza e o patrimonio. Circunvalamos o edificio amosando as nosas instalacións externas: parque infantil, pequena fraga, campo de fútbol e polideportivo, retornando ao noso punto de encontro, o porche de entrada ao edificio de secundaria, transformado nesta ocasión nunha sala de reunións. 

      Os/as seis alumnos/as asistentes repartíronse a memoria de actividades desenvolvidas a través de Monferosolidario no presente curso académico e foron presentando unha a unha cada unha desas accións centradas na educación en valores e para o desenvolvemento. Resta dicir que o fixeron como auténticos profesionais… estes rapaces/zas teñen moitas táboas! A charla foi moi interesante e amena, enriquecéndose coas intervencións dos membros/as de Amarante Setem, e os comentarios das dúas profesoras e as dúas nais que tamén quixeron deixar constancia do seus puntos de vista. Agradecer a participación destas 18 persoas que compartimos unha peculiar mañá de sábado nesta especie de “picnic-conferencia”… Todos/as e cada un de nós sabemos que valeu a pena!




Se premes a imaxe superior accederas á web 



      O punto de partida desta nova edición do Xanela Aberta xirará en torno aos xeitos en que a creamos comunidade nos lugares que vivimos, reflexionando sobre as posibilidades educativas que nos ofrecen. Un programa educativo para ese outro mundo posíbel que este ano pretende ser espazo de encontro para a reflexión e aprendizaxe en torno á Educación e o Territorio, onde coñecer experiencias locais e globais ao redor da Pedagoxía da terra. Para isto, desenvolverase un proceso participativo onde as persoas participantes compartirán espazos de discusión con organizacións e movementos sociais da Galiza, para a construción de coñecemento en torno aos seguintes eixos temáticos:

1. Organización social e territorio 
2. Problemáticas territoriais na Galiza 
3. Organización social e defensa do territorio 
4. Pedagoxía e activismo social pola defensa do territorio  

     Coñeceremos a experiencia socioeducativa do Centro de Desenvolvemento Rural de O Viso (Lodoselo, Ourense) e do CPI de Virxe da Cela (Monfero, Coruña). Contaremos coa participación de persoas vinculadas a movementos e organizacións internacionais que aportarán coñecemento en torno á Pedagoxía da Terra noutros territorios e comunidades. 





OS NOSOS AUDIOVISUAIS PARA CONMEMORAR O DÍA DO MEDIOAMBIENTE

Hoxe 5 de xuño celébrase o Dia Mundial do Medioambiente, data na que se fomenta a sensibilización sobre o medioambiente  ademais de motivar a que as persoas se convertan en axentes activos dun desenvolvemento sostible e equitativo, promovendo o papel fundamental das comunidades no cambio de actitude cara aos temas ambientais, a cal garantirá que todas as persoas disfruten  dun futuro máis prospero e seguro.
Invitámosvos a que vexades estes dous audiovisuais realizados no noso cole sobre esta temática. O primeiro co título:  “Gústame de onde son”,  amósanos  a implicación do alumnado, do profesorado e do conxunto da nosa comunidade educativa no deseño e desenvolvemento dunha serie de actuacións, que supoñen a posta en valor do patrimonio natural, imprescindible para o desenvolvemento social, económico e cultural da nosa contorna.

O segundo referido ao Obxectivo 7 dos ODM, recórdanos que hoxe en día o noso planeta está en perigo se non mudamos as nosas accións, e danos algunhas pistas para emprender ese cambio de actitude. Dicir que este último vídeo quedou finalista no Festival Audiovisual Olloboi.




DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE NO CPI VIRXE DA CELA





Manuel Santamariña, Sofía Pena, Laura Sanjuán, Antía Gómez e Cintia Grueiro foron os/as cinco representantes do CPI Virxe da Cela na Conferencia Internacional de Xóvenes Coidemos o Planeta (CONFINT) que tivo lugar en Barcelona do 12 ao 15 de novembro de 2014.  Pasaron meses dende que estes rapaces/zas viviron iso que eles/as mesmos/as definen como “unha experiencia inesquecible”. 

Elixiron unha data especial, o 5 de xuño, Día Internacional do Medio Ambiente, para facer unha presentación pública diante de todo o alumnado e profesorado de ESO do seu paso pola Confint 2014, xa que precisamente o lema desta Conferencia Internacional de Xóvenes é “Coidemos o Planeta”. A Confint quere dar protagonismo aos rapaces e rapazas, e pretende actuar sobre a dimensión local e global da crise medioambiental cun enfoque multidisciplinar: desde a biodiversidade, o cambio climático, a pobreza, o desenvolvemento social, a xustiza social, etc.

A filosofía da Confint plantexa unha pregunta fundamental: Se non é agora, cando?, se non somos nós, quen? Pois aquí e agora, os rapaces e rapazas do CPI Virxe da Cela, están a exercer un deber fundamental de todo ser humano , coidar o Medio Ambiente en cada unha das pequenas accións ou proxectos que se están a desenvolver no noso centro educativo, porque valorar e respectar é o principio fundamental para poder salvar a un Planeta enfermo e o noso legado para futuras xeracións.