viernes, 29 de noviembre de 2013

A XERACIÓN DE CULTURA DE CENTRO DESDE A ACCIÓN SOLIDARIA

O pasado sábado 30 de novembro asistimos á Xornada Inicial do Plan Proxecta 2014-2014, que tivo lugar no Instituto Politécnico de Santiago. Estas xornadas deron cabida á presentación do noso proxecto Monferosolidario baixo o formato experiencia de centro e baixo o título de "A xeración de cultura de centro desde a acción solidaria", dentro da formación específica para o proxecto Rede de Centros Escolares Solidarios. Conxuntamente con outros centros educativos galegos que están nesta rede, tratamos de realizar unha planificación para o presente curso académico 2013-2014.



 

POR UNHA EDUCACIÓN NON SEXISTA





Na materia de Educación para a Cidadanía (2º ESO) estivemos a visionar a película A Condesa Rebelde, que narra a vida da escritora galega Emilia Pardo Bazán, unha figura clave para a innovación cultural e intelectual na España do s. XIX. Acompañando a este filme estamos a traballar coa unidade didáctica "A escaleira desigual", tratando de propiciar entre o alumnado a reflexión sobre a situación das mulleres no s. XIX, e como se viñeron articulando as bases para a emancipación feminina ata chegar á época actual. 


miércoles, 27 de noviembre de 2013

CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE ROUPA



Un grupiño de rapazas de 1º da ESO visitaron as aulas do noso cole para sensibilizar ao alumnado da importancia dun pequeno xesto solidario para axudar as persoas que se atopan en situacións de precariedade económica ou exclusión social. Tan sinxelo como aportar roupa, calzado ou mantas que teñamos nas nosas casas en desuso, e que a través das ONGs Glorr e Global Humanitiaria chegarán aos fogares máis necesitados. Repartimos bolsas para os que queran participar nesta campaña, así como notas informativas para as familias explicando esta actividade e solicitando a súa colaboración. 

Queridas Familias:

         Monferosolidario quere un ano máis apoiar a campaña de recollida de roupa usada , mantas e calzado, a favor da ONG Glorr & Global Humanitaria, para asistir aos menores e familias que se encontran en situación de precariedade económica ou exclusión social no territorio nacional. Para isto visitaremos as aulas do noso centro presentando esta campaña aos nosos alumnos e repartindo esta nota informativa, así como as bolsas para depositar a roupa. O luns 2 de decembro de 2013 poderán depositarse estas bolsas nas entradas do centro escolar. Agradecemos a súa colaboración.


Monferosolidario, 22 de novembro de 2013













lunes, 25 de noviembre de 2013

FILIPINAS PRECISA DA TÚA AXUDA



Nos últimos días os medios de comunicación estannos a amosar a dramática situación de emerxencia que están a pasar os cidadáns de Filipinas tras o paso do furacán Yolanda. Son moitísimos os chamamentos para concienciar á poboación mundial da necesidade dunha axuda inmediata tras esta catástrofe natural. Sabemos da importancia que supón a cooperación non só dos organismos oficiais, senón tamén das ONGs e de nós, os cidadáns do planeta. Querémonos unir á campaña de Entreculturas, e para isto nas próximas semanas o alumnado do CPI Virxe da Cela elaborará artesanalmente postais e outros obxectos de decoración navideña que poñeremos á venda a última semana de clases antes das vacacións de Nadal, enviando os cartos recadados ao número de conta que Entreculturas ten asignado para este fin.







O MUNDO QUE QUEREMOS



Inauguramos unha nova travesía no Plan Proxecta da Xunta de Galicia acompañados por un grupo de ONGs que se uniron coa meta de transformar este o noso mundo desigual por outro máis xusto e equitativo. Nós somos a xeración que ten nas súas mans o cambio, e a mellor maneira para acadalo é xuntarnos todos e todas a buscar as solución e poñelas en práctica, de maneira cooperativa. Trátase do programa “Cooperación Galega: O mundo que queremos”.
O pasado luns 25 de novembro tivemos o punto de inicio, nesta ocasión coa visita de Rosa López Miramontes, da ONG Mundo Cooperante, quen con grandes doses de entusiasmo e unha ollada moi positiva fixo reflexionar ao alumnado da ESO na xa familiar temática dos ODM, Obxectivos do Milenio. A través dun xogo de rol os rapaces e rapazas analizaron as problemáticas que afectan a milleiros de persoas no noso planeta, e foron quen de idear solucións para erradicalas. Este é o primeiro eslabón dunha serie de obradoiros que se sucederán ao longo do curso, nos que se nos ofrecerán ferramentas para a loita en contra das desigualdades: comezaremos pola protesta e a denuncia a través dun programa de radio; continuaremos coa vivencia dos problemas a través dun “teatro do oprimido”, na que os rapaces e rapazas poñeranse na pel dos máis desfavorecidos para acadar unha total empatía; e finalizaremos coa testemuña de mozos e mozas de países desfavorecidos que visitarán o noso centro e explicarán ao noso alumnado as condicións de vida nun país do “sur”. E como broche final, unha xuntanza co alumnado e profesorado dos outros catro centros escolares galegos que están  a participar neste proxecto.



http://www.mundocooperante.org/










REMUÉVETE. ACTÚA POLA EDUCACIÓN E OS DEREITOS HUMANOS



A pesares das baixas temperaturas e dunha apetitosa mañá de sábado para empregar en miles de tarefas pendentes quentiños nas nosas casas, fixemos o grandísimo esforzo para poñer a alarma do despertador ben cedo e lanzarnos a unha nova sesión de formación ofertada por Entreculturas. Valeu sin duda a pena. A delegación de Entreculturas de Santiago foi o centro de reunión (sábado 23 de novembro de 2013), e neste espazo coincidimos unha mestura de profesores/as, voluntarios e +18, grupo heteroxéneo e diverso que enriqueceu esta xornada formativa con diferentes puntos de partida pero co mesmo obxectivo: “removernos” e actuar pola educación e os Dereitos Humanos.
A nosa queridísima Sandra Rodríguez foi quen de inaugurar a xornada confirmando as súas ben coñecidas capacidades organizativas coa primeira dinámica de grupo, do tipo “romper o xeo”, incitando aos alí presentes a un xogo de mans alzadas ao ritmo de “sopa ou empanada?”. Acto seguido Irene Ortega Guerrero, responsable del departamento de educación de Entreculturas, introduciu as liñas básicas de actuación e presentou diversos materiais didácticos editados por Entreculturas, que servirán de guía ao profesorado para abordar o traballo no eido dos Dereitos Humanos. Tras un descanso-café no que os asistentes tiveron o tempo para poñerse ao día e intercambiar impresións (ummm, que boa está esta tarta…, aínda que a empanadiña de Ferrol entraba ben agora…) mergullámonos no interesante obradoiro impartido por Leticia López Díaz, (a pesares da súa xuventude ten nas súas costas unha rica traxectoria como pedagoga e formadora), quen nos ofreceu importantes ferramentas metodolóxicas para fomentar nos adolescentes os valores dos dereitos humanos, e traballando a través de dinámicas e xogos a escoita activa, a expresión de sentimentos, ou o afrontamento cara a frustración. O resultado foi todo un poema: os alí presentes marchamos do curso cunha tremenda sensación de satisfacción, xa que as nosas expectativas quedaron máis que satisfeitas… ao igual que o noso bandullo tras un rico xantar compartido…









jueves, 21 de noviembre de 2013

O CONTO DE MAHÁN CHEGA ATA O CPI CONDE DE FENOSA DE ARES, NO DÍA UNIVERSAL DOS DEREITOS DA INFANCIA

Como  todos sabedes, "A cadeira vermella" é a campaña que Entreculturas lanza para concienciar á poboación do dereito á educación de máis de 59 millóns de nenos e nenas en todo o mundo que están sen escolarizar.

O conto de “Mahán e a cadeira vermella” (feito polos nosos queridos compañeiros/as de 1º ESO do CPI Virxe da Cela), un mural (feito por Ana Martínez de 2º ESO do CPI Conde de Fenosa de Ares),unha pequena frase reivindicativa: “Polo dereito á educación de todos os nenos e nenas do mundo” e unha sinxela cadeira vermella foron os elementos que nós, un grupiño de rapaces e rapazas de 3º ESO do CPI Conde de Fenosa, utilizamos para presentar a Campaña da Cadeira Vermella aos nenos e nenas de primaria do noso cole de Ares neste Día Universal dos Dereitos da Infancia.
Nós os alumn@s do CPI Conde de Fenosa queremos felicitar ao alumnado do Virxe da Cela de Monfero por compartir con nós a fermosa historia de Mahán que tanto lles gustou aos nosos pequerrechos. Grazas polo voso traballo, pola vosa colaboración e por ser un instrumento máis na tarefa de reivindicar a escolarización universal para todos os nenos e nenas do mundo. 
Os alumnos e alumnas de 3º ESO do CPI Conde de Fenosa.





martes, 19 de noviembre de 2013

CELEBRAMOS O DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS DOS NEN@S

Como tod@s sabedes hoxe 20 de novembro conmemórase a aprobación da Convención sobre os Dereitos da Infancia. En dita Convención recóllese o conxunto máis amplo de normas xurídicas internacionais para a protección das persoas menores de 18 anos. Sen esquecer que os dereitos deben formar parte da vida diaria da infancia e adolescencia ao longo de todo o ano, cada 20 de novembro temos a oportunidade de reflexionar sobre que son e en que situación está o cumprimento dos mesmos. É moi importante, á hora de falar dos dereitos dos nen@s, insistir en como deben estar contemplados por toda a sociedade e na importancia que teñen para todos os nenos e nenas do mundo, por igual. 
 Aínda que o respecto pola infancia, polos dereitos e valores deben traballarse no día a día, esta data é unha gran oportunidade para celebralo entre tod@s e realizar propostas específicas. Así no noso cole os alumnos de 1º ESO realizaron un magnífico programa de radio sobre “Os dereitos da infancia", no cal reflexionaron sobre o seu cumprimento, recordando que aínda hai dereitos que non se están a cumprir e que non todos os nenos e nenas teñen as mesmas oportunidades de alcanzalos. Ademais realizaron un pequeno dossier coas súas reflexións. 

Aquí vos deixamos  o seu traballo.




    Making off programa de Radio "O Xestal nas Ondas". 

                               

lunes, 18 de noviembre de 2013

FACEBOOK DE ENTRECULTURAS SANTIAGO

As novas fichaxes de Monferosolidario levabades un par de semanas rastreando o espazo sideral en busca de todas as imaxes tomadas no voso primeiro Encontro da Rede Solidaria Entreculturas... Pois asunto solucionado: a través do seguinte enlace poderedes acceder á páxina Facebook de Entreculturas Santiago, onde están penduradas todas as fotografías do Encontro da Rede Solidaria da Mocidade que tivo lugar o pasado sábado 26 de outubro de 2013 no colexio Jesús Maestro de Ferrol. Esperemos que vos gusten e que vos lembren os momentos máis destacados desta experiencia, así como as caras de todas as novas amizades...


https://www.facebook.com/media/set/?set=a.388578647940568.1073741831.300556510076116&type=1


miércoles, 13 de noviembre de 2013

OBRADOIRO "CARTAS DE AMOR"

Acompañando á exposición "Cartas de Amor", o pasado mércores 13 de novembro contamos coa visita de Gloria Isabel Serrato Arat, autora da unidade didáctica, quen impartiu dous obradoiros ao alumnado de 1º e 2º ciclo da ESO, respectivamente. A través dunha charla explicativa e de varias dinámicas os rapaces e rapazas sensibilizáronse de cára á problemática da violencia de xénero, analizando as emocións e os sentimentos nos diferentes tipos de relacións humanas, entendendo as diferencias entre "sexo" e "xénero", descubrindo as ideas de base do feminismo, a labor das sufraxistas, e rescatando a figuras clave na nosa cultura e historia galega como Concepción Arenal ou Maruja Maio, entre outros puntos de interese.







sábado, 9 de noviembre de 2013

UN MUNDO DESIGUAL

Que no planeta no que vivimos existen grandes desigualdades é algo ben evidente. Se queremos combatir esas inxustizas en desigualdades, o mellor é coñecer cal é a súa raíz. Aí atoparemos as claves da nosa actuación. Sabemos que é deber dos gobernos, pero tamén consideramos que todos estamos obrigados en maior o menor medida a ser os protagonistas do cambio.



20 DE NOVEMBRO, DÍA DOS DEREITOS DA INFANCIA

A tres semanas da celebración da importante data "Día dos dereitos da infancia", penduramos no blogue os seguintes materiais didácticos aportados pola ONG Entreculturas. Os profes e titores podemos ir así familiarizándonos con conceptos e ideas, que nos poden levar á realización de actividades para esta conmemoración tan destacada. Coñeceremos as iniciativas que se están levando a cabo tanto en España como no Chad, e esperamos as vosas ideas para lanzar desde o CPI Virxe da Cela.
 

viernes, 8 de noviembre de 2013

CARTAS DE AMOR

O noso centro acolle desde o pasado xoves 7 de novembro a exposición "Cartas de Amor", da Secretaría Xeral de Iguadade (Xunta de Galicia). Esta exposición contén as propostas de 15 artistas, todas ben variadas en canto a estilo e técnicas, pero agrupadas dentro dunha temática común: a violencia de xénero. Abordar esta problemática nas aulas é contribuír á erradicación do mesmo, tendo en conta que xa na adolescencia detéctanse actitudes con carga de violencia verbal e incluso física. A exposición vai acompañada dunha detallada guía didáctica, con actividades para desenvolver nas aulas co noso alumnado, tocando puntos tan interesantes como o mito do amor romántico, a relación amorosa, a liberdade, a dependencia, ou a posesión.

sábado, 2 de noviembre de 2013

AS NOSAS TRADICIÓNS, A NOSA CULTURA: DO SAMAIN EN MONFERO AO DIWALI EN ANANTAPUR


Chega o outono e con el as castañas, as caveiras de melón; chegan as choivas e as tardes son máis escuras, vaise a calor e ven o frío: é tempo de Samaín.  E como todos os anos a maxia do Samaín chegou ao noso cole da man dos nenos e nenas de Primaria e Infantil. Os corredores enchéronse de cabazas decoradas, de pantasmas, morcegos e bruxas.  


Conta a tradición que na noite do 31 de outono comezaba o ano novo celta, marcando a transición do outono ao inverno. Nesta noite as ánimas dos falecidos; que terían autorización para camiñar entre os vivos; volvían visitar as súas familias e as súas vellas casas para quentarse ao carón do lume e comer dos alimentos que con agarimo lles tiñan preparados os parentes. O cristianismo acabou adoptando esta festa celtas, designando o primeiro de novembro como día de Todos os Santos, e no século XII, ao día seguinte como día de Defuntos.
Sábese, por certo, que os celtas colocaban candeas rudimentarias no interior das caveiras dos inimigos mortos, colocándoas nos cruces de camiños, nos arredores e nas murallas dos seus castros, co obxecto de arrepiar os inimigos, para asombro e veneración das súas xentes e para "esconxurar" os perigos da celebración. Máis tarde pasaron a tallar nabos e para rematar cabazas.
Así que nós para celebrar o Samaín  arranxamos as cabazas  e celebramos o Magosto, tendo como elementos principais á castaña e o lume. 


Pero máis aló das nosas fronteiras, concretamente en Anantapur, tamén comezaron  os preparativos para O Diwali, que se celebra en novembro. O Diwali ou a Festa das Luces é a gran festa da India: a entrada do novo ano hindú e unha das noites máis significativas do ano. 


A divinidade que preside esta festividad é Lakshmí, consorte do deus Vishnú. Ela é quen outorga a prosperidad e a riqueza, por iso é especialmente importante para a casta dos comerciantes (vaisyas). É tradición que a deusa favorecerá de forma especial a quenes se reconcilien cos seus inimigos. O simbolismo da festa consiste na necesidade do home de avanzar cara á luz da Verdade desde a ignorancia e a infelicidade, é dicir, obter a vitoria do dharma (a virtude) sobre adharma (falta de virtude).
Á noitiña ábrense todas as fiestras e portas das casas e en cada unha delas realízase un ofrecimento de luz cunha lámpada de aceite ou unha vela, repetindo o mesmo mantra, para que Lakshmí entre para o resto do ano. Tamén se lanzan barcos de papel ou lamparillas acesas aos ríos sagrados, canto máis lonxe vaian, maior será a felicidade no ano vindeiro e elabóranse uns deseños chamados manorā, que son uns debuxos feitos nas paredes e que se adornan durante o festival. Á saída do sol é de ritual lavarse a cabeza, o que ten o mesmo mérito que bañarse no sagrado río Ganges. 


Como vedes, dúas tradicións moi distintas que se solapan no tempo e que poñen de manifesto a sensibilidade cultural e espiritual dos pobos e que marcan a identidade cultural e espiritual de cada unha das nosas comunidades.