miércoles, 30 de marzo de 2016

MOCIÓN DE APOIO EN DEFENSA DO RURAL




      O pasado mércores 30 de marzo o alumnado de 5º e 6º de Ed. Primaria do CPI Plurilingüe Virxe da Cela acode ao pleno ordinario do Concello de Irixoa (13:30) dentro dunha iniciativa destinada a fomentar a organización do alumnado en prol dunha aprendizaxe que repercuta na sociedade na que se desenvolve, é dicir, que se formen cidadáns críticos e responsables. Trátase de que aprendan a xestionar as súas accións de forma coordinada, cooperativa, dialogante e democrática. 

      En dito pleno presentamos una moción de apoio ó rural en todas as súas vertentes (sociedade, cultura, economía …) que, acompañada dunha campaña de difusión das súas potencialidades, pretende facer visible ó conxunto da sociedade unha forma de vida singular e propia que non ten por qué desaparecer da nosa Comunidade, xa que foi a base da sociedade actual. Ademais expuxéronse as problemáticas máis urxentes: despoboamento, avellentamento, falla de recursos e infraestruturas, ou a crise tanto do sector agrícola como do gandeiro, facendo fincapé na perda de poder adquisitivo das xentes que vivimos ó seu redor. Dita moción foi aprobada por unanimidade. A mesma proposta tamén se trasladará no seu momento ao Concello de Monfero. 

     Os encargados de formular a proposta (alumnado de 5º e 6º de Ed. Primaria) forman parte da Asociación Educativa Infantil e Xuvenil Soño Rural, que constituíu dito alumnado o pasado 8 de marzo como fórmula para aglutinar as actuacións que se desenvolven no centro en prol dunha revalorización das formas de vida do rural e, o mesmo tempo fomentar a participación nas mesmas do resto da comunidade educativa e do tecido social da comarca. Ademais, as mesmas formaran parte dunha campaña de difusión automática dos valores e potencialidades do rural baixo o título “NO RURAL VIVES O NATURAL”. Dita campaña, contará cun soporte físico publicitario, e tamén será difundida a través de medios dixitais para ampliar o seu ámbito de acción. Entre as temáticas que tratará a campaña están a valoración do patrimonio natural, histórico, artístico, lingüístico, cultural, etnográfico e social entre outros a través de exemplos cotiás das formas de desenvolvemento das súas xentes. 

     En definitiva, cremos nun mundo rural vivo, no que partindo das súas potencialidades e dunha valoración positiva da súa idiosincrasia sexa quen de acadar un crecemento sostible e a valoración e o respecto da súa singularidade patrimonial (medio natural, lingua, costumes, usos, formas de desenvolvemento entre outros) para ser quen de transformar as súas potencialidades en motor económico, social e cultural. Por último, estas iniciativas desenvólvense ao abeiro do proxecto “Móvete” da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e do Plan Proxecta na modalidade “Paisaxe e Sustentabilidade ”do Instituto de Estudos do Territorio.




SAME 2016: A EDUCACIÓN PROTÉXENOS

Un ano máis, achegamos as propostas de Entreculturas para traballar a Campaña Mundial pola Educación. Este ano, o lema é "A educación protéxenos, protexamos o seu financiamento". Pedimos aos representantes políticos que cumpran os seus compromisos internacionais e destinen os recursos necesarios para financiar a educación de todas as persoas. 124 países mobilizaranse durante a Semana de Acción Mundial pola Educación (SAME), do 25 ao 30 de abril, para reivindicar o dereito á educación dos 124 millóns de nenos, nenas, mozos e mozas que aínda están sen escolarizar no mundo. Xa tés todos os recursos á túa disposición para traballar e axudarnos a defender o dereito á educación!


viernes, 18 de marzo de 2016

ESPECIAL RADIOFÓNICO VIII RASTRO SOLIDARIO E OPERACIÓN QUILO 2016





O alumnado de 4º e 5º de primaria do CPI Virxe da Cela gravaron un especial radiofónico para retransmitir a VIII edición do Rastro Solidario e Operación Quilo 2016. Entrevistaron a alumnado e profesorado que traballou na organización deste evento solidario (como a alumna Diana Caruncho de 4º da ESO ou a profesora Verónica Dopico), así como a outros profesionais que visitaron o noso centro, como a Elisangela Silfa, moza da República Dominicana voluntaria na ONG Solidariedade Internacional Galicia que impartiu un obradoiro de Comercio Xusto e Consumo Responsable. Agradecemos a Sergio Pascual e Lucía Abarrategui a súa implicación nas actividades no noso centro e o magnífico traballo que están a facer a través do Laboratorio Radiofónico "Radio Itinerante Creativa". 

OBRADOIROS DE COMERCIO XUSTO E CONSUMO RESPONSABLE




      O venres 18 marzo de 2016 o alumnado da ESO do CPI Virxe da Cela recibiu un obradoiro de Comercio Xusto e Consumo Responsable impartido por Ana Lampón, técnica da ONG Solidariedade Internacional Galicia, xunto con Elisangela Silfa, voluntaria nesta organización e que na actualidade está en Galicia cunha beca do seu país, República Dominicana, realizando o Mestrado Universitario en Dirección, Xestión e Innovación de Institucións Escolares e Socioeducativas na Universidade da Coruña. Transcribimos aquí as palabras de Ana Lampón describindo a actividade: 

      O obradoiro de Consumo Responsable ten a finalidade de que nos demos conta da importancia que ten o consumo nas nosas vidas, dende que nos levantamos ata que nos deitamos estamos consumindo. De aí a importancia de reflexionar sobre os nosos xeitos de consumir. O consumo responsable é aquel que se basea na elección de produtos non solo pola súa calidade e o seu prezo, senón tamén polo impacto social e ambiental, pola conduta das persoas e/ou empresas que o elaboran. Tamén implica consumir menos, soamente o necesario para un bo vivir, e estar a atentos á publicidade para saber como nos crea falsas necesidades. 
    A actual sociedade de consumo, pretende facernos crer que a nosa felicidade se consegue comprando e consumindo sen sentido, polo que traballar cos mozos e mozas estas temáticas é tan importante, sobre todo proporcionando alternativas como poden ser o Comercio Xusto, o consumo ecolóxico, de proximidade, a economía social ou solidaria, etc. Sobre os contidos, traballamos na identificación e diferenza entre necesidades e desexos, os conceptos do comercio tradicional como as multinacionais ou a deslocalización, os dereitos dos produtores dos países empobrecidos, etc. 
      A resposta das mozas e dos mozos da ESO do CPI Virxe da Cela foi excelente, participaron moi activamente nas dinámicas e actividades propostas, implicáronse na procura de solucións aos problemas plantexados, e levaron moi ben os contidos do taller á práctica da vida cotiá. Cabe destacar que, en xeral, son un alumnado moi concienciado e solidario. Ana Lampón. Solidariedade Internacional Galicia

VIII RASTRO SOLIDARIO E OPERACIÓN QUILO 2016









         Sabemos que é un enorme esforzo realizado durante semanas, pero está claro que vale a pena. Van xa oito as edicións de Rastro Solidario efectuadas no CPI Virxe da Cela durante os últimos anos, e nestas últimas combinándose a Operación Quilo. Con moita ilusión alumnado e profesorado do centro visitaron o Rastro o pasado venres 18 de marzo de 2016, facendo as compras dos obxectos alí expostos por medio de troco con alimentos. Unha boa pila de caixas están agora esperando a ser levadas á Cociña Económica de Ferrol, ao igual que unha significativa axuda en metálico de 159 euros recadada á base de donativos. 

    Queremos agradecer públicamente a colaboración da AMPA difundindo esta actividade e destacando a presenza de pais e nais que axudaron durante toda a mañá a organizar os alimentos en caixas e a facilitar as comparas dos mais pequenos (Jaime M. Caamaño, María José Varela, Elena Sanjuán e Sandra). 

     Nesta xornada tan especial completamos o día con dous obradoiros de Comercio Xusto e Consumo Responsable impartidos por Solidariedade Internacional Galicia, así como dun programa radiofónico especial sobre o Rastro Solidario, dirixido por Lucía Abarrategui y Sergio Pascual, a través do Laboratorio Radiofónico, e guiado polo alumnado de 4º e 5º de primaria. 

      Contamos tamén con importantes visitas, como de Beatriz Varela (Fundación Ayuda en Acción), a nosa ben querida exalumna Anaís, que veu acompañada pola súa avoa. E, ao final do día, deixáronse ver un grupiño de exalumnos/as que na actualidade están a cursar os seus estudios nos institutos de Betanzos, que saudaron cariñosamente ao profesorado e participaron incluso nos obradoiros que estaban a realizar o alumnado de 3º e 4º da ESO, mentres os rapaces e rapazas de 1º e 2º da ESO traballaban organizadamente para desmantelar de novo o “chiringuito” e deixar os obxectos sobrantes en caixas esperando á próxima edición do Rastro.


domingo, 13 de marzo de 2016

EDUCAR UNHA NENA É EDUCAR UNHA NACIÓN



O 8 de marzo celebrouse o Día Internacional da Muller. Judith é chadiana e foi a única muller da súa comunidade en terminar o ciclo de primaria e acceder á secundaria. Grazas a isto agora é dona da súa vida. Segundo a UNESCO, casi 16 millóns de nenas nunca irán á escola de primaria, en comparación con oito millóns de nenos. Promover o liderazgo e a participación política e pública das mulleres supón unha estratexia indispensable para o desenvolvemento humano. Soamente coa igualdade entre xéneros e o empoderamento das mulleres e nenas, será posible cumplir cos compromisos asumidos na Axenda 2030. Unha mensaxe de Entreculturas.

CURSO DE SCRATCH PARA PROFES COA FUNDACIÓN AYUDA EN ACCIÓN




miércoles, 9 de marzo de 2016

CHARA DE MULLERES DO RURAL





Mércores 9 de marzo de 2016

Dolores Porto Álvarez, nai de Uxía e Brais de EP, que ten empresaria de agricultura ecolóxica.
Cristina Veira Flores, nai de Leonor e Tomás de EP, que é artista


O alumnado de 3º e 4º de primaria dentro do proxecto de defensa do rural decidimos centrarnos no aproveitamento do rural dende unha perspectiva ecolóxica: agricultura ecolóxica, uso de enerxías limpas,...
Para coñecer algo máis sobre agricultura ecolóxica estivemos moi atent@s á charla que veu a darnos ao cole Dolores Porto, a nai dunha compañeira que posúe unha granxa ecolóxica. Dolores explicounos en que consistía a agricultura ecolóxica, como se acreditan os produtos ecolóxicos,... e diferentes cuestións que lle fomos plantexando.
Deixamos aquí un pequeno vídeo para que poidades ver todo o que aprendemos con ela.

ASOCIACIÓN EDUCATIVA INFANTIL E XUVENIL SOÑO RURAL

Cando dende a administración se nos propuxo a participación no proxecto Móvete, os nenos e nenas de 5º e 6º de primaria estivemos nuns obradoiros nos que nos demos conta de que o traballo individual non dá tan bos resultados coma o traballo colectivo. Por iso pensamos en organizarnos nunha asociación que se convertera en motor e nos fixera protagonistas dun cambio na nosa contorna converténdoa nun espazo de convivencia e de futuro.
Animados polos nosos mestres xuntámonos para organizarnos e aprender a xestionar as nosas accións de maneira coordinada cos demais dun xeito dialogante e democrático. Así naceu a Asociación Educativa Infantil e Xuvenil Soño Rural, con sede no noso centro educativo e que tentará aglutinar as accións que dende aquí se leven a cabo na procura dun mundo rural vivo, valorado positivamente e cun crecemento sostible que nos permita vivir a todos dunha maneira digna.
Tivemos un acto fundacional da nosa asociación no que decidimos os seus fines e obxectivos i eliximos á xunta directiva; esta está formada por un presidente, unha secretaria e dous vocais. Agora estamos na fase de elaboración e aprobación dos estatutos. Mentres tanto comezamos a traballar.
Para poder levar a cabo os nosos obxectivos temos que dar tres pasos:
    1.    Coñecer a realidade,
    2.    Reflexionar sobre o positivo e negativo do mundo que nos rodea,
    3.    Actuar, conxuntamente coa sociedade na que estamos inmersos, para cambiar o que está mal e potenciar realidades e valores que nos identifican e que son positivos.
Somos conscientes de que a nosa asociación non ten valor institucional fóra da nosa escola, xa que somos menores de idade; sen embargo a través das accións levadas a cabo estaremos aprendendo o funcionamento de calquera tipo de asociación, polo que nos fixemos con un caderno no que a nosa secretaria levanta acta de cada unha das reunión para que non queden esquecidas e se nos lembren os acordos tomados para levalos a cabo.
Unha das primeiras acción que faremos será presentar unha moción de apoio ó mundo rural no Concello de Irixoa, con propostas para que os nosos políticos loiten pola recuperación e mellora da nosa contorna. Xa iremos contando como foi…


martes, 8 de marzo de 2016

CAMPUS CIENTÍFICOS DE VERÁN 2016

Para o alumnado de 4º da ESO, convócanse axudas para disfrutar dos Campus Científicos de Verán. Estas axudas están suxeitas a nota media no expediente do curso 2014-2015


Pograma campus científicos de verano 2016 para alumnos de eso y bachillerato from Veronica DEL Rio

Máis información en https://www.campuscientificos.es/

ORIENTACIÓN VOCACIONAL 4º ESO

Nos días pasados, tivemos a oportunidade de traballar co alumado de 4º algunha cuestión no referido á elección de estudos e profesións. Nas vindeiras semanas continuaremos co traballo desenvolvido, pero quero compartir antes algúns materiais que empregaremos nas clases.
Power Point empregado en aula


Sesinorientacin4eso 2016 from Veronica DEL Rio

Documento entregado ao alumnado


Manual autoorientacion 4º 2015 2016 from Veronica DEL Rio

Fontes: http://monicadizorienta.blogspot.com.es/
            http://www.edu.xunta.es/web/

lunes, 7 de marzo de 2016

O XESTAL NAS ONDAS CO DÍA DA MULLER TRABALLADORA

Hoxe 8 de marzo celébrase en todo o mundo o Día Internacional da Muller. Unha celebración que, sobre todo, é unha reivindicación social e unha ocasión de facer un reconto dos progresos realizados cara ao logro da igualdade de xénero. Aínda que se fixeron moitos progresos, estamos moi lonxe de alcanzar a igualdade de xénero no mundo enteiro. Non hai un só país no mundo onde as mulleres consigan a plena igualdade e o pleno goce dos seus dereitos.
Isto, por si só, debería demostrar a necesidade de manter un forte enfoque na igualdade de xénero e os dereitos das mulleres nas axendas de todos os países. As mulleres teñen unha contribución vital para o logro de sociedades pacíficas e sostibles. É por iso que temos que asegurarnos de que participen plenamente e gocen da igualdade de dereitos en todos os ámbitos da vida.
Para conmemorar esta data, catro alumnas/os de 3º da ESO realizaron un programa especial de radio no que fan un repaso á historia deste día así como un recoñecemento á vertente ferminista de Rosalía de Castro, poetísa que tan ben soubo plasmar na súa obra, que a muller tamén sente e padece, que as mulleres podían protestar,  queixarse do que lles faltaba e do que lles arrebataran, e non contentarse con formar unha familia e calar para sempre.



viernes, 4 de marzo de 2016

8 MARZO:DÍA INTERNACIONAL DA MULLER




Un 8 de marzo de 1857, un grupo de obreras textiles tomou a decisión de saír ás rúas de Nueva York a protestar polas míseras condicións nas que traballaban. Distintos movementos sucedéronse a partir desta data. O 5 de marzo de 1908, Nueva York foi escenario de novo dunha folga polémica para aqueles tempos. Un grupo de mulleres reclamaba a igualdade salarial, a disminución da xornada laboral a 10 horas e un tempo para poder dar de mamar aos seus fillos. Durante esta folga morreron máis dun centenar de mulleres na fábrica de Sirtwoot Cotto, nun incendio atribuído ao dono da fábrica como resposta á folga. En 1910, durante a Segunda Conferencia Internacional das Mulleres Traballadoras celebrada en Copenhague (Dinamarca), máis de 100 mulleres aprobaron declarar o 8 de marzo como Día Internacional da Muller Traballadora. Actualmente celébrase como o Día Internacional da Muller.

  



1ª REUNIÓN GRUPO DE INVESTIGACIÓN DE EDUCACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO








miércoles, 2 de marzo de 2016

VIII RASTRO SOLIDARIO E OPERACIÓN QUILO 2016





Os rapaces e rapazas de 2º da ESO visitaron todas as aulas do CPI Virxe da Cela para repartir entre o alumnado unhas circulares informativas sobre a VIII edición do Rastro Solidario e Operación Quilo 2016. Durante os próximos días recolleremos todos aqueles obxectos que podades aportar para vender no Rastro (libros, cds, dvds, bisutería, xoguetes, etc), que se celebrará o vindeiro venres 18 de marzo, último día antes das vacacións de Semana Santa.


martes, 1 de marzo de 2016

OBRADOIRO "MÓVETE". RCES












Ramón Molina, martes 1 marzo 2016. Educación primaria