domingo, 26 de octubre de 2014

XVI ENCONTRO DA REDE SOLIDARIA DE ENTRECULTURAS

       Un ano máis iniciamos o curso cun encontro en Rede, para poder compartir unha xornada lúdica e pedagóxica con outros mozos e mozas da Rede Solidaria da Mocidade Entrecuturas. Nesta ocasión un total de 22 alumnos/as (a representación masculina recaeu en dúas novas incorporacións: Zito (1º ESO) e Álex (3º ESO) e dúas profesoras dedicamos un soleado sábado (25 outubro 2014) para viaxar cara a Santiago e dirixímonos ao Instituto Arcebispo Xelmirez I, centro anfitrión deste encontro. 

         A xornada comezou cunha cálida acollida, non só polo sol que brillaba no ceo neste anodino día outonal, senón por parte dos alumnos/as e profesores/as do Xelmirez, que prepararon este evento con moito cariño e ilusión. Tras unha breve presentación do planning do día, todos os rapaces e rapazas realizaron diferentes dinámicas centradas na temática dos dereitos humanos, mentres que os docentes realizabamos a nosa formación, adquirindo novas ferramentas didácticas para abordar a educación emocional. 

        E despois de tanto traballar… devoramos ao aire libre o xantar que nos estaba esperando, pizza e macarroni, mamma mía!! E de postre… a elaboración das axendas solidarias. O multitudinario grupo do CPI Virxe da Cela (coidadosamente uniformados coas súas xa características camisetas amarelas) reuniuse nunha escaleira para decidir as posibles actividades a realizar durante este curso académico 2014-2015: as que xa son case que “oficiais” (rastro solidario, operación quilo, recollida de tapóns, etc), e tamén novas ideas como visitar un asilo de anciáns, realizar unha “chiculatada solidaria”, gravar un videoclip, etc. E antes de que cada centro expuxese a súa axenda, dúas alumnas do Xelmirez impartiron unha interesantísima charla sobre a súas vivencias en Nicaragua. Como broche final os/as profes asistentes ao encontro subiron ao escenario a facer unha pequena actuación-homenaxe á Rede Solidaria, que en Galicia cumpriu nin máis nin menos que 10 anos de existencia!! 

       A despedida foi espectacular, a ritmo de capoeira. Todos os rapaces e rapazas asistiron a unha demostración desta curiosa danza afro-brasileira realizada no patio, e non soamente ollaron coa boca aberta as acrobacias dos bailaríns, senón que tiveron a oportunidade de recibir unha pequena clase de achegamento a esta disciplina, tanto na práctica instrumental como no movemento. Está claro que con este tipo de encontros a Rede Solidaria da Mocidade Entreculturas ten garantidos polo menos outros dez anos máis de andainas!!!




VIDEO RESUMO DO ENCONTRO
                                              

jueves, 23 de octubre de 2014

I CONCURSO DE CREACIÓN RADIOFÓNICA E AUDIOVISUAL

#MONCHOEXPLICA

           O salón de conferencias de Afundación acolleu o pasado martes 21 de outubro de 2014 ás 20:00 horas a charla de Moncho Ferrer (fillo de Vicente Ferrer) na súa primeira visita a Galicia. O aforo estaba completo, feito que constata o gran apoio e confianza que os coruñeses/sas teñen no traballo da Fundación Vicente Ferrer.

      O xornalista Pablo Portabales presentou esta charla, e tras unha breve pero interesante intervención de Moncho Ferrer, comezou unha rolda de preguntas, iniciadas polo xornalista, e que posteriormente contou coa participación do público asistente. Moitas foron as intervencións para salientar a incrible labor que a Fundación Vicente Ferrer está a desenvolver en Anantapur, sempre traballando polo ben dos máis desfavorecidos. Comprobamos asimesmo que son moitas as persoas que participan no programa “Apadriña a un neno/a”, e que non soamente exercen un patrocinio económico, senón que é tal o grado de implicación que xa viaxaron a visitar aos seus afillados e afilladas, comprobando de primeira man a transparencia e seriedade da Fundación.

            O acto clausurouse coa proxección co último vídeo promocional da FVF , e acto seguido foron moitos os asistentes que se achegaron a falar con Moncho Ferrer e con Jordi Folgado Ferrer (sobriño de Vicente Ferrer). As coordinadoras de Monferosolidario tivemos a ocasión de saudar a ambos (que xa coñecéramos con anterioridade noutros eventos) e sacar algunha fotografía para o recordo. Tamén podedes ver unha simpática imaxe da nosa amiga Yolanda Ferrer (a representante da FVF en A Coruña) acompañada por a nosa profe Yolanda e un curioso boneco de Vicente Ferrer elaborado pola escola infantil Monte Alto. E xa fora de “acta oficial”, coincidimos de novo con Moncho e Jordi nas rúas coruñesas e despedímonos deles con bicos, abrazos, fotos, etc… ata a próxima vez!!!











miércoles, 15 de octubre de 2014

MONCHO FERRER






Moncho Ferrer, fillo do xa finado Vicente Ferrer, e na actualidade Director de Programas da Fundación Vicente Ferrer, visitará A Coruña o vindeiro martes 21 de outubro. Impartirá unha charla ás 20:00 horas no Centro Sociocultural Afundación (Cantón Grande, 8, A Coruña). As coordinadoras de Monferosolidario asitiremos a este evento para saudar a Moncho Ferrer (a quen tivemos a oportunidade de coñecer personalmente cando recollimos o Premio Nacional de Educación para o Desenvolvemento "Vicente Ferrer" en Madrid, setembro 2009), e para seguir informándonos sobre os diferentes programas da Fundación, especialmente o vinculado co eido da educación. Animamos asimesmo a toda a nosa comunidade educativa a asistir á conferencia e axudar a difundir esta actividade.

XORNADAS DE EDUCACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO E CIDADANÍA GLOBAL

A Universidade da Coruña organiza as Xornadas de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global, que se levarán a cabo o vindeiro 28 de outubro e 6 de novembro de 2014 no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación.

 

CHARLA DE RAMADEVI RAPTHADU








         Ramadevi Rapthapu deixou ao seu paso polo CPI Virxe da Cela (martes 14 de outubro de 2014) un halo de exotismo, sinxeleza e calidez. Ataviada cun fermosísimo sari de cor azul turquesa e fucsia, elegantemente peiteada coa súa melena brillante nunha extensa trenza e levando outros accesorios típicos das mulleres casadas da India (un bindi colorado na súa fronte, un colar de contas verdes e vermellas e aneis nos dedos dos pes), Ramadevi chegou ao noso centro repartindo sorrisos e abrazos a todo o mundo. Recibiu aos rapaces e rapazas que entraban la aula onde se impartiron as charlas cun sereno “namasté”, xesto de benvida, á par que marcaba as súas frontes cun minúsculo puntiño de pigmento vermello. 
          Presentouse ao seu público cun case que perfecto castelán, e durante tres charlas dunha duración aproximada de 50 minutos cada unha, falou non soamente da labor que a Fundación Vicente Ferrer está a levar a cabo en Anantapur (a India), senón da vida e do papel que as mulleres lles toca vivir neste país no que aínda no século XXI predomina unha cultura patriarcal. Para poder entender as enormes desigualdades que se observan na India, Ramadevi explicou o sistema de castas que aínda impera no seu país e que condena aos dalits e outras castas inferiores a vivir na pobreza e na miseria desde e mesmo momento do seu nacemento. 
         A visita de Ramadevi (ao igual que as de Lancy Dodem e Sasi Cuti en anos anteriores) complementa o traballo de achegamento á cultura india e ao traballo da Fundación Vicente Ferrer que se leva a cabo no noso centro desde o ano 2009 a través do proxecto School to School. Consideramos que entender o mundo máis aló da noso contorna é fundamental para respectar a diversidade cultural e entendela como un elemento que nos enriquece aos seres humanos, e non como unha ameaza e unha semente para o conflito.


viernes, 10 de octubre de 2014

MALALA E SATYARTHI, PREMIO NOBEL DA PAZ 2014

A paquistaní Malala Yousafzai, a moza á que os talibáns dispararon á cabeza en 2012 por defender a escolarización das mulleres, e o activista indio Kailash Satyarthi foron galardoados este venres co Nobel da Paz 2014 "pola súa loita contra a opresión dos nen@s e os moz@s e polo dereito de todos os nen@s á educación".
 "Os nenos deben ir á escola e non ser explotado financeiramente", defendeu o Comité Nobel, subliñando que "nos países pobres, o 60% da poboación actual ten menos de 25 anos". Segundo explicou ao realizar o anuncio o presidente do Comité Nobel Noruego, Thorbjon Jagland, considerouse "un punto importante que un hindú e unha musulmá, un indio e unha paquistaní, se unan na loita común pola educación e contra o extremismo.

No caso de Satyarthi, resaltou que "mostrando gran valor persoal" e seguindo a tradición de Gandhi, "liderou varias formas de protesta e manifestación, todas pacíficas, centrándose na grave explotación dos nenos para obter beneficios financeiros". Así mesmo, "contribuíu" ao desenvolvemento de importantes convencións internacionais" "sobre os dereitos dos nenos". Kailash Satyarthi, enxeñeiro informático indio que hai 28 anos abandonou o ordenador para denunciar ás multinacionais que no seu país explotan nenos de entre 5 e 12 anos de idade, encabeza a organización Global March, que liberou da escravitude empresarial a uns 80.000 nenos en máis de 160 países.

En canto a Malala, "malia a súa xuventude", leva anos loitando polo dereito das nenas á educación e mostrou co seu exemplo que os nen@s e os moz@s tamén poden contribuír a mellorar as súas propias situacións. Ademais, fíxoo baixo as mais perigosas circunstancias. Mediante a súa loita heroica converteuse nunha destacada voceira dos dereitos das nenas á educación.

NORABOA A ÁMBOLOS DOUS!!!

11 DE OUTUBRO: DÍA INTERNACIONAL DAS NENAS

Este sábado 11 de outubro, é o Día Internacional das Nenas e desde Monferosolidario queremos ter presentes especialmente aos case 25 millóns de nenas en todo o mundo que non teñen garantizado o dereito á educación. Sumámosnos á nova Premio Nobel da Paz, ‪MalalaYousarfzai na súa loita por defender o dereito á educación das nenas no mundo.




miércoles, 8 de octubre de 2014

VIDEO CAMPAÑA 2014 "A CADEIRA VERMELLA" DE ENTRECULTURAS




Entreculturas presenta "A cadeira que multiplica oportunidades", unha nova edición de "A Cadeira Vermella", iniciativa iniciada en 2012 co obxectivo de chamar a atención simbólicamente sobre a alarmante cifra de nenos e nenas que non van á escola (58 millóns en educación primaria e 63 millóns en educación secundaria). Este ano, en concreto, a campaña céntrase no aspecto da inclusión, remarcando que todos os nenos e nenas teñen dereito a asistir á escola independentemente do seu lugar de residencia, a capacidade económica das súas familias, o seu xénero, o seu idioma, a súa orixe étnica ou as súas diferenzas de capacidades. 

martes, 7 de octubre de 2014

CARTA DO MINISTERIO DE ASUNTOS EXTERIORES E COOPERACIÓN INTERNACIONAL

A protesta non ten por que vir da man da violencia, senón que podemos utilizar ferramentas moito máis efectivas para loitar coas inxustizas. O diálogo é unha delas, e confiamos que unha palabra ben utilizada poda dar moitos froitos. O pasado curso académico unímonos a unha proposta da Campaña Mundial pola Educación (CME) 2014, que consistía na redacción de cartas aos políticos, xa que nas súas mans está modificar as leis que faciliten unha educación de calidade para todos e para todas.

O alumnado de 4º da ESO na materia de Educación Ético-Cívica centrou a proposta dirixindo as súas cartas a José Manuel García Margallo, ministro de Asuntos Exteriores e Cooperación Internacional. Fai unha semana o gabinete do ministro redactou unha carta en resposta ás peticións e cuestións dun alumno de 4º de ESO, que a continuación publicamos. Este é un dos exemplos que nos verifican que é posible aportar unha pequena acción para cambiar o mundo.


 


EDUCAR PARA A CIDADANÍA GLOBAL

Entre os días 19 e 21 de outubro de 2012 celebráronse no Campus Vida da Universidade de Santigo de Compostela as I Xornadas de Educación para o Desenvolvemento. Baixo o título "Educar para a cidadanía global: experiencias, ferramentas e discursos para o cambio social", a Coordinadora Galega de ONGD (CGONGD), a través da súa Comisión de Educación para o Desenvolvemento, quixo convocar por vez primeira en Galicia a un conxunto senlleiro de expertos e expertas en educación para o desenvolvemento e a cidadanía globla para xerar un espazo de debate e reflexión sobre os actuais desafíos para a promoción dunha cidadanía global comprometida coa solidariedade e o cambio social desde o local. 

Desde o CPI Virxe da Cela queremos dar os nosos máis sinceiros parabéns a José Luís Pastoriza Rozas, autor da publicación que documenta estas xornadas, polo seu grande esforzo e dedicación para que este libro saia á luz. 

Penduramos a publicación en formato PDF, na que poderedes atopar o texto "Educar para a solidariedade no CPI Virxe da Cela: a experiencia de Monferosolidario" (páxinas 19-29).


 

RAMADEVI RAPTHADU


O vindeiro martes 14 de outubro de 2014 contaremos no CPI Virxe da Cela coa visita de Ramadevi Rapthadu como embaixadora de Fundación Vicente Ferrer. Impartirá no noso centro varias charlas dirixidas ao alumnado de EI, EP e ESO, enfocadas no papel da muller na India rural. Esbozamos uns datos sobre esta ponente:

Ramadevi é natural de Akutotapalli, unha aldea situada a 10 km. de Anantapur, A India. Ten 32 anos e fala telugu (a lingua local de Anantapur), inglés, castelán e catalán. Casou ao finalizar os seus estudos de secundaria e, despois de casar, estudou Humanidades. Ten un fillo de 11 anos que se chama Sudarsa, como un deus hinduista. En 1998 comezou a traballar como tradutora da Fundación Vicente Ferrer na India, poñendo a disposición as súas capacidades para facilitar a comunicación efectiva dos nenos e nenas apadriñados coas persoas solidarias de España. Ademais, facilita os procesos de visita de colaboradores e colaboradoras que chegan á India para coñecer os proxectos da Fundación. Este será a súa terceira viaxe a España como voceira da Fundación. Durante a súa estancia acompañará o camión-exposición "Mulleres: a forza do cambio na India", que nas vindeiras semanas percorrerá diferentes cidades da xeografía española.