jueves, 26 de junio de 2014

XUNTANZA FIN DE CURSO REDE SOLIDARIA ENTRECULTURAS EN NOIA

      Xa rematado oficialmente o curso académico 2013-2014, un grupiño de 9 alumnas e dúas profes do CPI Virxe da Cela achegámonos o pasado mércores 25 de xuño ao instituto Campo de San Alberto de Noia para participar no encontro de fin de curso da Rede Solidaria da Mocidade Entreculturas. Unha ocasión ideal para reunirnos con xente coñecida doutros tres centros escolares galegos pertencentes á Rede e para divertirnos con dinámicas e xogos específicos, amenizados polo infatigable Abeloni, o monitor máis marchoso de Entreculturas. Despois desta parte máis lúdica, pasamos a revisar e avaliar as nosas axendas solidarias, e comprobamos que o alumnado do CPI Virxe da Cela non so está satisfeito coas accións desenvolvidas durante o curso académico 2013-2014, senón que xa ten en mente varias propostas para levar a cabo o vindeiro curso. As profes Verónica e Yolanda estamos orgullosas da nosa canteira, observando a participación activa do noso alumnado e descubrindo que día a día os nosos rapaces/zas van aumentando o seu grado de autonomía: poñer por caso o éxito de diversas “iniciativas emprendedoras” que se foron xestando ao longo dos últimos meses, incluíndo a campaña de deseño e elaboración das chamativas camisetas de Monferosolidario que nos aportan un sinal máis da nosa identidade como grupo e colectivo. Feliz verán a todos e todas: agora toca baleirar o “disco duro” e deixar espazo para “reiniciar o equipo” no vindeiro mes de setembro!!!




martes, 24 de junio de 2014

DIARIO DE A BORDO "COOPERACIÓN GALEGA: O MUNDO QUE QUEREMOS"




        Tras unha longa travesía de 10 meses a nosa nave chega a porto para repoñer forzas e revisar esta aventura que levamos a cabo tres profesoras do CPI Virxe da Cela xunto cos nosos alumnos/as de ESO. Atrás quedan moitos recordos, desde o noso inicio, neste pequeno camarote atiborrado de obxectos diversos para a nosa expedición, aquel día que nos reunimos cos armadores de Cooperación Internacional para definir o rumbo do Mundo que Queremos. Tras aquela primeira impresión sabiamos que a nosa viaxe ía ser exitosa, contábamos cunha espléndida nave e unha formada tripulación. Queremos agradecer especialmente a María Caride por todo o seu traballo de planificación, e os numerosos contactos que establecimos vía telegráfica.
        Coincidimos con outras naves no medio do océano, tripuladas por Rosa López Miramontes que dirixía os ODM desde unha perspectiva lúdica, contaxiando moitísimo entusiasmo entre os nosos mariñeiros/as. Posteriormente topámonos coa nave AGARESO, patroneada por Montse Fernández e Óscar Vázquez, que nos guiaron nas artes da radio e da fotografía. Meses máis tarde coincidimos coa nave de piratas Cen Tolas, mulleres con grande forza que tratan de dar solucións aos conflitos a través do Teatro do Oprimido. Surcamos os mares do sur acompañados da fragata Radio Tehuacán, baixo o mando de Iris, Jasmin e José Manuel, que nos mostraron como é a vida nesas latitudes, facéndonos valorar o que temos e que habitualmente nos pasa desapercibido.
        E como momento culminante do noso periplo, o Paso do Ecuador, celebrouse mar adentro, na terra do Apóstolo, xuntándonos a bailar e celebrar un divertido Acto de Clausura na Sala Capitol. Non esquecemos o chiculate ben quente que paladeamos nunha reunión clandestina no camarote do Almirantazgo, tendo a oportunidade de coñecer aos outros/as capitáns da escuadra que viaxaron en paralelo.
Enarbolamos as bandeiras da Cooperación Internacional e Rexional e atracamos o noso navío no astaleiro para poñelo a punto cara a próxima singladura. E agora que estamos en terra, deixaremos que o destino nos volva a unir nalgunha rúa coruñesa a horas intempestivas da madrugada.

                                               Teresa, Yolanda e Verónica


 

sábado, 21 de junio de 2014

FIN DE CURSO 2014

    Fermosa e emotiva gala de Despedida do Curso 2013-2014 no CPI Virxe da Cela, unión de sentimentos contrapostos. Por un lado desexamos rematar dunha vez este mes de xuño, sempre repleto de exames, traballos e carreiras dun lado para outro ao borde da taquicardia, e así por fin vernos liberados gozando dunhas merecidas vacacións. Por outra banda, poñer o punto final a unha travesía na que inevitablemente algúns terán que abandonar o barco: o alumnado de 4º da ESO, rapaces e rapazas que pasaron a meirande partes das súas vidas compartindo aula, compañeiros, profesores e cargados de centos de recordos. A partir de agora terán que deixar esta a súa “casa” atrás e camiñar cara a novos horizontes, enfrentándose a novas situacións e comezando novas relacións de amizade. Tamén foi o momento de despedir a Pedro García, Abel Soto e Mª Carmen Espiñeira, profesores que mudan destino ou ben rematan a súa traxectoria profesional, e que tamén viviron esta xornada como unha despedida. 
    Como xa ven sendo toda unha tradición no noso centro, foron os alumnos/as de 3º da ESO os encargados de organizar e presentar esta gala, e o fixeron con todo detalle e cariño, obsequiando aos seus compañeiros/as de 4º e aos profesores que deixan o centro cunha fermosísima rosa vermella, orixinais diplomas e simpáticas presentacións audiovisual cos mellores momentos e con algún material inédito que fixo arrancar as gargalladas do público alí presente. Houbo tamén espazo para as bágoas, que comezaron a asomar a través da lectura dalgunha carta de despedida e xa foi imposible poñerlles freo unha vez que soaron os fermosos arpexios do comezo da canción “Cuando me vaya”, que cantamos todos xuntos en unión e que puxo punto final a este curso 2013-2014. 


ENTREGA DE DIPLOMAS MONFEROSOLIDARIO


     O curso académico 2013-2014 toca ao seu fin, e non quixeramos deixar de facer agradecementos múltiples a todos aqueles e aquelas que fixeron de Monferosolidario non un soño ou utopía, senón unha realidade materializada día a día en cada recuncho da nosa escola. 
       O venres 20 foi unha xornada moi completa na que solapáronse as nosas obrigas como anfitrións, responsables, mestres de cerimonia, etc. Para que vos fagades unha idea, fixemos a primeira hora da mañá un mini-ensaio co alumnado de 3º da ESO para a Gala de Fin de Curso, apuramos ao noso ordenador para renderizar varios vídeos que ían ser exhibidos, rebuscamos no noso disco duro algunhas imaxes para completar os power points de despedida… Entre tanto chegaron os nosos amigos de Entreculturas para ir preparando a divertida Gymkana Solidaria, saudamos e recibimos a antigos mestres (Dopico e García) que se unían á celebración e aproveitaban a visita para seren entrevistados polos reporteiros de Ayuda en Acción, acompañados da profe Yoli que gravaba o making-off… A Gymkana da comezo, e non rematara cando recibimos a Mª José Tejeras e dúas compañeiras de Ayuda en Acción, para poder definir os puntos centrais da memoria que avalía o noso convenio de colaboración con esta organización… Podédesvos imaxinar como andabamos… coa lingua de fora… e a Gala que da o seu inicio!!! Pero grazas a tantas visitas e acontecementos simultáneos deron pé a ter alí presentes a varios dos axentes que recibiron o seu ben merecido diploma: 

Premio “Apoio Incondicional” ao Equipo Directivo do CPI Virxe da Cela. 
Premio “Novos Valores” á AMPA do CPI Virxe da Cela pola súa participación e implicación no Proxecto Marco de Colaboración do CPI Virxe da Cela, AMPA e Ayuda en Acción.
Premio “Traballo de Colaboración” a Entreculturas, pola iniciativa Rede da Mocidade Entreculturas e a realización de xogos e dinámicas no CPI Virxe da Cela. 
Premio “Traballo de Colaboración” a Ayuda en Acción pola iniciativa “Proxecto Marco de Colaboración entre o CPI Virxe da Cela, AMPA e Ayuda en Acción” 
Premio “Boas Prácticas Educativas” a Mª José Fandiño pola iniciativa “Elaboración de Xabóns Solidarios”. • Premio “Boas Prácticas Educativas” a Pedro García pola elaboración de materiais didácticos para combatir a pobreza e a desigualdade no mundo. 
Premio “Iniciativas Emprendedoras” á clase de 1º da ESO pola elaboración de obxectos de fieltro para a campaña “Emerxencia en Filipinas”. 
Premio “Iniciativas Emprendedoras” á clase de 3º da ESO polas campañas “San Valentín 2014”, “Xabóns Solidarios” e “Camisetas Monferosolidario”. 
Premio “Boas Prácticas Xornalísticas”, para Gabriel e Celia por Mini-reportaxe Monferosolidario para Ayuda en Acción. 




GYMKANA DA SOLIDARIEDADE CON ENTRECULTURAS

        O pasado 20 de Xuño catro axentes secretos chegaron ao CPI Virxe da Cela. Osaxentes pertencían ao departamento de reclutamento de A.F.I.N. (Axencia Federalde Investigación das Necesidades básicas e dereitos humanos). Entre os diferentescentros escolares de Galicia só escolleron 3 para levar a cabo a súas probas deentrada na axencia: Colexio de Xesuítas de Vigo, CPI Virxe da Cela e o IES Campo de San Alberto. 
         Un día despois de estar en Vigo, aínda cheos de enerxía, apareceron con pasofirme en Monfero dividindo a todo o alumnado da ESO de Monfero en catro grupos... o que non se esperaban os rapaces é que só un dos grupos podería pertencer a A.F.I.N.,polo que terían que facer unha serie de probas. Esta Axencia adícase o protexemento, a identificación a denuncia da vulneración de 8 dereitos básicos das persoas e a atacar esa vulneración. Polo tanto o primeiro que teñen que ter claro os novos axentes é cales son eses dereitos para poder identificalos na vida real, e para iso terán que pasar 3 probas por cada un destes dereitos: Dereito ó Vestido, Dereito á alimentación, Dereito á Descanso e Tempo Libre, Dereito a un Traballo, Dereito a Educación, Dereito a Asistencia Médica, Dereito a unha Vivenda e Dereito a Liberdade de Expresión. 
         Ao rematar toda-las probas os catro federais destinados a Monfero déronse conta de que xa moitos anos antes estes raparigos e raparigas colaboraban con A.F.I.N de moitas maneiras e que serían máis útiles como civís comprometidos que é o que son, e non como axentes. Os catro Axentes Especiais marcharon moi impresionados pola gran actitude dos seus reclutas e incluso o director da axencia mandou unha carta persoalmente ao blog.


CARTA DE AGRADECEMENTO GLORR

viernes, 20 de junio de 2014

RECOLLIDA DE TAPÓNS SEUR

ÉXITO DA CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE GAFAS

Co fin de curso á volta da esquina queremos clausurar a campaña de recollida de gafas organizada en colaboración coa "Ruta de la Luz" e a ACCI (Asociación Contra la Ceguera Infantil)baixo a proposta da profe Begoña (relixión primaria). Agora Begoña xa poderá levar os 43 pares de gafas donadas polo alumnado, profesorado e familias do CPI Virxe da Cela á óptica de Pontedeume onde descubriu esta iniciativa. Espeemos que xa este mesmo verán algún dos ópticos e oftalmólogos voluntarios da Ruta da Luz podan facer chegar estes humildes pero valiosos raios de luz a outros lugares do planeta e iluminen as vidas de 43 persoas: ese será o noso pequeno graniño de area...

miércoles, 18 de junio de 2014

REPORTER@S AYUDA EN ACCIÓN



Chámanse Gabriel e Celia, e están convencidos de que a súa profesión é unha clave fundamental para o cambio e a transformación social. Para comprender o mundo con todas as súas complexidades é necesario deterse a observalo minuciosamente e deste xeito cartografiar a xeogafía humana.  Isto  precisamente é o que están a facer na presente semana visitando o noso centro e experimentando o día a día dos diferentes axentes da comunidade educativa. Tratarán de achegarse a todos nós a través das testemuñas de profesores/as, rapaces/zas, pais e nais, etc., que encherán as tarxetas de memoria das súas cámaras. Despois dun minucioso proceso de edición serán presentados en formato de minidocumental de 3 minutos de duración que se exhibirá a partires do vindeiro mes de setembro en Internet e constituirá un dos capítulos dunha serie de documentais que ilustran o traballo que se está a desenvolver en diferentes escolas do territorio nacional vinculados aos proxectos educativos da Fundación Ayuda en Acción. 

martes, 10 de junio de 2014

MEMORIA RCES 2013-2014: RELIXIÓN SECUNDARIA



Aquí vos deixamos no seguinte vídeo unha breve memoria das actividades que o departamento de Relixión de Secundaria levou a cabo neste curso para o Plan Proxecta da Rede de Centros Solidarios. Moitas das actividades están enmarcadas dentro do noso proxecto de centro Monferosolidario, e outras foron realizadas en colaboración con outras materias.        

          

CAMISETAS MONFEROSOLIDARIO




    Que tomen nota todos aqueles/as que teorizan sobre as “iniciativas emprendedoras”. O exemplo práctico o temos aquí, na nosa propia casa, o CPI Virxe da Cela. E como protagonistas o noso propio alumnado, concretamente un grupiño de rapazas de 3º da ESO. Seguindo unha idea que nacera xa o pasado curso académico decidiron levar a cabo unha “multidisciplinar” celebración do San Valentín. Coa colaboración da profesora de ciencias Mª José Fandiño e a axuda doutros compañeiros/as da ESO, elaboraron Xabóns Solidarios no laboratorio de CCNN. Co apoio do EDLG organizaron un certame de Cartas de Amor e montaron un “chiringuito” para a venta destes xabóns con outra “mercancía”: piruletas de corazón e sobres con papel especialmente “tuneado” para escribir cartas de amor. Fixeron as súas xestións e conseguiron patrocinadores para os premios do concurso (AMPA e EDLG). 

     Non pensedes que quedou aí a cousa, non. Sabedes o que fixeron cos máis de 150 euros recadados na venta de todos eses produtos e un empréstito do EDLG? Decidiron dar un paso adiante e facer un acertado investimento. Tomando prestado o logotipo de Monferosolidario e o lema “Se ti podes… por que non?? que previamente o alumnado de 1º da ESO creara a partir dun obradoiro da Rede de Centros Escolares Solidarios (Plan Proxecta 2013-2014) impartido no noso cole no pasado mes de marzo, deseñaron unhas orixinais camisetas que seguro que non van pasar desapercibidas… . Nada temos que dicir da potente campaña de marketing e publicidade que están a lanzar entre a comunidade educativa… Non tedes máis que mirar estas fotografías para comprobalo. E dádevos presa e non vos durmades no loureiro se queredes mercar unha destas camisetas!!



CARTA DA SÚA MAXESTADE O REI DE ESPAÑA A UN ALUMNO DO CPI VIRXE DA CELA


Fai escasamente dúas semanas o alumno Iván Miño Rodríguez, que cursa os seus estudos de 2º da ESO no CPI Virxe da Cela, dirixíase á súa Maxestade o Rei Don Juan Carlos I de Borbón. O motivo era a elaboración dun traballo dentro da materia de Educación para a Cidadanía para conmemorar a SAME 2014 (Semana de Acción Mundial pola Educación), que neste caso presentaba o formato de carta. Neste documento Iván presentábase ao monarca do noso país como estudante de educación secundaria, solicitando certos cambios e modificacións para facilitar unha educación de calidade para todos e todas. A nosa grande sorpresa foi recibir o día de hoxe, martes 10 de xuño de 2014, unha rápida resposta por parte do Gabinete de Planificación da casa Real (Palacio da Zarzuela), agradecendo a información enviada e transmitindo un saúdo cordial de parte do noso actual monarca. Apreciamos este atento xesto que nos axuda a pensar que o cambio é posible e que se pode dar a través destas pequenas accións. Educar a unha mocidade comprometida, crítica e responsable é a nosa aposta para o futuro.

lunes, 9 de junio de 2014

CREANDO AS NOSAS PROPIAS ONGS

A cidadanía é consciente da valiosa labor que efectúan as diferentes ONG (organizacións non gubernamentais) para solventar ou paliar problemas que afectan ao mundo e que os gobernos non poden ou non queren resolver. Son moitísimos os campos de actuación destas organizacións, tanto no eido da educación, a saúde, a igualdade, o medioambiente, etc. Tras realizar un traballo de investigación exhaustivo sobre diferentes ONGs, o alumnado de 2º da ESO decidiu deseñar a súa propia organización. Neste espazo poderedes comprobar algunhas das súas propostas, que quen sabe se co paso do tempo poderán facerse realidade...


viernes, 6 de junio de 2014

MEMORIA COOG 13-14: ATENCIÓN EDUCATIVA, CIDADANÍA E ÉTICA

Durante o presente curso académico 2013-2014, tres profesoras da ESO do CPI Virxe da Cela (Monfero)participamos no programa "Cooperación Galega: O Mundo que Queremos" (Plan Proxecta 2013-2014). Os ODM ou Obxectivos do Desenvolvemento do Milenio foron o fío conductor deste programa, que ofreceu ao alumnado do noso centro diversos obradoiros ao longo do curso (radio, fotoxornalismo, teatro, etc). A parte destas actividades "oficiais", cada profesora levou a cabo dentro da súa aula actividades complementarias para afondar nos ODM, moitas delas xa penduradas neste blogue. A continuación vos deixamos un video e un power point onde ofrecemos unha síntese das que se efectuaron nas materias de Atención Educativa (1º ESO), Educación para a Cidadanía (2º de ESO) e Educación Ético-Cívica (4º da ESO).


 

miércoles, 4 de junio de 2014

DEPARTAMENTO DE FRANCÉS: LES OBJECTIFS DU MILLÉNAIRE

Les élèves de 3º et 4º de ESO ont participé à la divulgation des objectifs de développement du millénaire dans  le projet Monfero Solidario.Pour cela faire, les élèves ont travaillé par petits et le résultat a été un mural qu´on peut voir ci-dessous:





MEMORIA COOG 2013-2014: RELIXIÓN SECUNDARIA



Aquí vos deixamos no seguinte vídeo unha breve memoria das actividades que o departamento de Relixión de Secundaria levou a cabo neste curso para o Plan Proxecta "Cooperación galega: O mundo que queremos". Os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio foi o tema principal  a través do cal levamos a cabo as diferentes actividades, tanto dende a nosa materia como en colaboración co  Proxecto Monferosolidario do noso centro.

            

MEMORIA RCES 2013-2014: ATENCIÓN EDUCATIVA, CIDADANÍA E ÉTICA

Por segundo ano consecutivo, o CPI Virxe da Cela forma parte da Rede de Centros Escolares Solidarios RCES (Plan Proxecta da Xunta de Galicia). Se navegades por este blogue poderedes comprobar que foron numerosas, diversas e variadas todas as actividades que o noso centro desenvolveu ao logo do curso 2013-2014 no relativo ao mundo da solidariedade. Moitas delas fixéronse de forma conxunta, participando diferentes profesores/as, departamentos, ciclos e niveis educativos. Agora que o curso está a piques de rematar, aproveitamos para facer memoria e avaliar o grao de consecución dos nosos obxectivos (que podemos dicir que en xeral foi máis que satisfactorio). A continuación penduramos un breve vídeo e un power point onde veñen recollidas as propostas que se fixeron nas materias de Atención Educativa (1º ESO), Educación para a Cidadanía (2º da ESO) e Educación Ético-Cívica (4º ESO).


                       




                   

martes, 3 de junio de 2014

O SOÑO DE PAVANI: TEATRO DO OPRIMIDO

Este ano o alumnado da ESO do CPI Virxe da Cela tivo a oportunidade de descubrir o "Teatro do Oprimido" a través da compañía 100tol@s, enmarcando esta actividade dentro do programa Cooperación Galega "O mundo que queremos" (Plan Proxecta). Encantounos a idea de poder intervir no devenir das historias, xa que como espectadores podemos reflexionar sobre o que é ou non é xusto, e se nos ofrecen saír ao escenario podemos actuar para buscar un final feliz. 

Partindo pois dos preceptos do "teatro do oprimido" e inspirándonos na figura de Pavani, esa nena india de 10 anos que o noso colexio ten apadriñada a través da Fundación Vicente Ferrer, o alumnado de Atención Educativa de 1º da ESO escribiu a seguinte historia: "O soño de Pavani". Un título moi poético e aberto, que nos invita a pensar que todo cambio é posible, e que se perseguimos con tenacidade os nosos soños, estos poderán convertirse en realidade...

 

ÚLTIMOS RETOQUES LOGO RCES

Fai un par de meses cada centro participante na RCES (Rede de Centros Escolares Solidarios, Plan Proxecta 2013-2014) realizou unha votación interna para puntuar aos catro logos finalistas. Se ben agora xa hai un logo gañador, podemos de novo tomar parte no proceso de elección dunha das tres posibles versións do mesmo. Farase a través da páxina de voluntariado galego (www.voluntariadogalego.org), onde atoparedes as tres variantes mais un formulario de participación que podedes cubrir ata o vindeiro 20 de xuño. Se premedes na imaxe inferior poderedes acceder directamente: 





lunes, 2 de junio de 2014

RELIXIÓN PRIMARIA

   

     

RECOLLIDA TAPÓNS: Entendendo que un só non pode cambiar o mundo pero si colaborar para que eso suceda,os alumnos e alumnas de 2º CICLO e 5º curso de PRIMARIA recolleron ao longo do curso tantos tapóns como poideron coa intención de poder axudar a mellorar a vida doutras persoas.


                            

DEPARTAMENTO CCNN PLAN PROXECTA RCES

ELABORACIÓN DE XABÓNS


•Os alumnos de 3º e 4º de E.S.O. na materia de Física-Química puxeron en práctica unha reacción química fabricando xabóns, reciclando materiais, e os xabóns resultantes puxéronos á venda no mercadillo solidario que organiza o centro, confeccionando paquetes e envoltorios e deseñando as etiquetas.
•Elaboramos un video co proceso. Está publicado no blogue de ciencias, na páxina principal; www.cienciasnoxestal.com coa etiqueta: “ALUMNOS-4º ESO-QUÍMICA-PROXECTA-XABÓNS-2014”




 ELABORACIÓN DE PAPEL RECICLADO


•Os alumnos de 2º de E.S.O. participaron neste proxecto solidario na materia de Ciencias Naturais coa elaboración de papel a base de materiais reciclados: papeis usados e virutas de ceras e minas de lápices de cores afiadas. Os papeis reciclados vendéronse tamén no mercadillo solidario para recaudar fondos para a cociña económica.
•Tamén elaboramos un video co proceso. Está publicado no blogue de ciencias, na páxina principal; www.cienciasnoxestal.com coa etiqueta: “ALUMNOS-2º ESO-CCNN-PROXECTA-PAPEL RECICLADO”

DEPARTAMENTO MATEMÁTICAS