viernes, 27 de septiembre de 2013

NON TE RINDAS NUNCA

Non te rindas nunca é un programa destinado á formación e inserción laboral de mozos e mozas con discapacidade. Unha iniciativa de FSC Inserta da Fundación ONCE. Se visionades o video de promoción poderedes comprobar que moitas veces a discapacidade está nos ollos do que mira, e que a pesares das limitacións físicas e psíquicas, moitos mozos e mozas con discapacidade están dispostos a salvar todos os obstáculos...

ENTRE MESTRES

Na escola estamos diariamente en contacto cos nosos profes, pero... Sabemos realmente como é a vida dos docentes? Ás veces soamente ollamos unha cara da moeda. Se queredes indagar máis sobre o mundo da docencia, visionade este interesante documental que nos recomenda a ONG Entreculturas. Lembrade que o ano pasado "Sen profes non hai escola" foi o lema da Campaña da Semana de Acción Mundial pola Educación, e que se queremos unha educación universal e de calidade, é basico o papel que xogan os/as nosos docentes.

martes, 24 de septiembre de 2013

SOLIDARIOS CO MEDIO AMBIENTE





Escoitáchedes falar algunha vez sobre o cambio climático? Seguro que si. Os gobernos teñen moito que facer para combater as consecuencias do cambio climático, pero tamén é unha responsabilidade de toda a cidadanía velar pola saúde do noso planeta, e tratar de sacar o máximo proveito ao lugar no que vivimos pero sen que o uso indebido deixe consecuencias para as xeracións futuras. Co título "O Noso Mundo, O Noso Planeta, A Nosa Opción", a Xunta de Galicia oferta esta exposición que nos chega a través do Concello de Monfero. O alumnado do CPI Virxe da Cela ten a súa disposición múltiples paneis explicativos con interesantes contidos, e apoiando a esta exposición, durante os días 24 e 25 de outubro de 2013, Ramón Molina (quen visitou o noso centro o ano pasado para a elaboración de "Micromovies en Prol do Voluntariado") impartirá charlas e obradoiros para sensibilizarnos e guiarnos no noso ben facer á hora de ser moito máis ecolóxicos e considerados co Medio Ambiente. Propostas tan sinxelas como utilizar máis a bicicleta, o transporte público, reciclar papel e tratar de reducir o uso da electricidade son parte do cambio. E ti a que estás disposto?

miércoles, 18 de septiembre de 2013

INICIAMOS O CURSO CON NOVAS DE PAVANI




A finais de outubro a nosa amiga Pavani cumplirá dez anos. Coñecímola fai tres anos, a través da iniciativa dos propios alumnos/as que daquela cursaban 4º da ESO, que decidiron comezar un programa de apadriñamento a través da Fundación Vicente Ferrer. Ano tras ano os alumnos/as de 4º que rematan os seus estudos no CPI Virxe da Cela pásanlle o relevo a unha nova promoción. Anualmente recibimos unha carta de Pavani, falándonos da súa vida e dos seus progresos. A verdade e que é moi emocionante saber que a través da nosa axuda esta nena da India ten na actualidade acceso á educación, e isto marcará o seu futuro e o da súa familia. Acabamos de recibir a última das súas cartas, na que Pavani nos relata o éxito nos seus estudos, as actividades que levou a cabo durante o verán e incluso fálanos das súas mellores amigas. E, importantísimo, nesta ocasión Pavani escribiu a carta co seu puño e letra, polo tanto son máis que evidentes os seus avances, tendo en conta que son aínda moitísimos os nenos e nenas dese país que non teñen acceso á educación.

martes, 10 de septiembre de 2013

INICIAMOS UN NOVO CURSO CARGADOS/AS DE ENERXÍAS


Iniciamos un novo curso cargados/as de enerxías, ilusión e ideas. Despois desta parada de dous meses, na que profes e alumnos/as aproveitamos para descansar, desconectar e coller novos folgos, iniciamos un novo curso escolar con gañas de continuar vinculados aos nosos proxectos solidarios.
 
Algúns xa non están connosco, e esperamos que tras finalizar a súa etapa educativa no CPI Virxe da Cela estén nestes momentos descubrindo novos mundos e coñecendo novas amistades noutros centros escolares onde están a cursar a súa formación académica. Queremos recordarvos que podedes seguir aportando o voso graniño de area alí onde vaiades, e que incluso poden xurdir outros grupos solidarios. Sabedes que aquí seredes benvidos sempre, e que a través do noso blogue estaredes ao tanto de todas as actividades que seguimos levando a cabo no CPI Virxe da Cela, e que agradecemos moitísimo as vosas visitas e sentímonos orgullosos de todos os vosos avances.
 
Por outra banda destacar esa nova promoción que está a entrar en 1º da ESO e que de seguro serán uns perfectos/as activistas da solidariedade (así xa o demostraron no seu paso por primaria). E por suposto, non nos esquecemos de todos/as esas caras xa coñecidas que este ano cursan 2º, 3º e 4º e que foron o motor de cambio durante o pasado curso académico.
 
Benvidos ao novo curso 2013-2014!!!