viernes, 31 de mayo de 2013

RECOLLIDA DE TAPÓNS POLO ALUMNADO DE PRIMARIA



Os seus rostros ilustran o grao de satisfacción, e non é para menos. Este grupiño de rapaces e rapazas de primaria do CPI Virxe da Cela posan ante unha mostra da grande cantidade de tapóns que foron recollendo (xunto con outros compañeiros, familiares e docentes) durante estas últimas semanas. Saben que con este xesto, pequeno pero conxunto, poderán cambiar o futuro de outros nenos e nenas con graves enfermidades que necesitan deste apoio para financiar os elevados custos que as súas familias non poden asumir.

jueves, 30 de mayo de 2013

CÁMARA...ACCIÓN: XORNADA DE GRAVACIÓN DE MICROMOVIES

O xoves 30 de maio de 2013 convertimos o CPI Virxe da Cela nun auténtico plató cinematográfico. Esta xornada constituiu o último módulo do proxecto "Micromovies" que estamos a facer na Rede de Centros Galegos Solidarios, dentro do Plan Proxecta (Xunta de Galicia). Ao noso centro achegáronse Ramón Molina e Ximena Valle, xa coñecidos por todos nós por impartiren as charlas de presentación e os obradoiros de introdución á elaboración das "Micromovies". Unha curtametraxe de ficción na que entrelaza a propia realidade, xa que todos nós xa estamos habituados a efectuar accións solidarias na nosa xa longa traxectoria de Monferosolidario. Pero neste caso os rapaces e rapazas darán vida tamén a docentes comprometidos, a técnicos municipais, e outras personaxes: protagonistas do cambio, opositores, figurantes, etc.., case un total de 30 alumnos/as que formaron parte neste proceso de gravación. Agora nos queda esperar ao proceso edición e ver o resultado final... Será para o mes de setembro, e está previsto realizar unha xuntanza de todos os centros desta Rede Solidaria para participar nunha "gala inaugural". Polo de pronto vos deixamos unhas cantas fotografías do making-off. 



     


miércoles, 29 de mayo de 2013

CARTA DE AGRADECEMENTO DE GLORR




PROXECTO SOLIDARIO NA MATERIA DE FRANCÉS


A canción “Encore un autre hiver” do grupo Les Enfoirés  servíu aos alumnos e alumnas da materia de  Francés  para introducir o tema da solidariedade. Trala escoita, lectura e a tradución da mesma realizaron un traballo en grupos para buscar información:

 1º grupo: Coluche, humorista e activista polos dereitos sociais, creador do organismo caritativo  les Restos du coeur.
2º grupo:les Restos du Coeur.
3º grupo : Les Enfoirés, grupo de artistas e personalidades públicas que traballan en beneficio da asociación sin ánimo de lucro les restos du coeur.

Este é o resultado




jueves, 23 de mayo de 2013

SOMOS: UNIDOS PARA CAMBIAR O MUNDO










                  


                         

Por segundo ano consecutivo unímonos á campaña "SOMOS, unidos para cambiar o mundo", unha proposta dun grupo de ONGs que propón un simple xesto como imaxe do cambio, tal como describe o lema "Se queres un mundo mellor, empeza por darlle a volta". A actividade tivo lugar o 24 de maio, e tras unha charla explicativa introducindo esta actividade e a elaboración de diferentes lemas que decoraban un círculo simbólico, o alumnado de 1º e 2º da ESO posaron ante a cámara de fotos con diferentes actitudes que reflexaban ese cambio: vestidos con prendas ao revés, intercambiando os zapatos de pé, realizando volteretas, subíndose ás árbores, etc. Unha xornada divertida que queda reflectida a través destas fotografías que falan da necesidade dun cambio na conciencia social.

COOPERAMOS




O alumnado de 5º de primaria é o protagonista dun videoclip musical que ilustra o seu traballo en equipo e que será presentado no Certame de Cooperativismo no Ensino 2013. Desexámoslles moita sorte, guiados de novo da man da súa mestra Camino, que xa o ano pasado recibiu xunto cos seus alumnos e alumnas de 1º da ESO un galardón neste certame. Sabemos que levan todo o curso traballando de maneira conxunta, aprendendo da axuda mutua e aprendendo a compartir e cooperar, e recientemente reafirmaron estas aprendizaxes a través dun obradoiro. En breves poderedes visionar este divertido videoclip no que os rapaces e rapazas de 5º mostrarán á par as súas aptitudes musicais...

martes, 21 de mayo de 2013

SEN ALUMNOS/AS TAMPOUCO HAI ESCOLA...



"Sen profes non hai escola" é o lema da SAME 2013 ( Semana de Acción Mundial pola Educación). E... habería escola sen alumnos/as? Claro que non. Como actividade complementaria a esta campaña presentada no noso centro a través da ONG Entreculturas, os rapaces e rapazas de 2º da ESO visionaron a fermosísima curtametraxe de "Binta e a gran idea", unha das cinco historias que conforman a película "En el mundo a cada rato", producida por UNICEF. Reflexionamos sobre as vidas e os destinos de dúas nenas, Binta e Soda, e dámonos de conta do determinante que será o feito de ter ou non ter acceso á educación, ese dereito básico do que na actualidade máis de 61 millóns de nenos e nenas aínda se ven privados. 


jueves, 16 de mayo de 2013

XV ENCONTRO DA REDE SOLIDARIA DA MOCIDADE ENTRECULTURAS

Un ano máis, a medida que se aproxima o fin de curso, os rapaces e rapazas de Monfero xa están pensando no tradicional encontro de fin de curso da Rede Solidaria da Mocidade Entreculturas. Esta xuntanza bríndanos a oportunidade de reunirnos con outros rapaces, rapazas e docentes de outros centros solidarios galegos, e poder intercambiar as experiencias realizadas nos diferentes centros durante o presente curso académico. De novo o lugar elexido é a Casa Pastoral Mª Ana Mogas, un fantástico espazo que nos ofrece os seus xardíns para realizar dinámicas e xogos, un amplo comedor para efectuar un xantar colectivo e a infraestructura necesaria para facer as presentacións dos nosos traballos. Rapaces, rapazas, ide preparando as mochilas e tamén pensando nese doce que levaremos para facer a merenda compartida...

martes, 14 de mayo de 2013

MAHÁN VISITA O BLOGUE DA ONG ENTRECULTURAS

O noso amiguiño Mahán transpasou os muros da nosa escola e agora está a difundir as súas iniciativas noutros espazos. El é o protagonista dun xa famoso conto que crearon os rapaces e rapazas de 1º da ESO, baseándose na idea da "Cadeira Vermella" (La Silla Roja), a última campaña lanzada por Entreculturas. Por iso a partir de hoxe a súa historia xa está pendurada no blogue desta ONG, coa que o CPI Virxe da Cela colabora desde o ano 2009. Se premedes o seguinte enlace poderedes acceder ao Blogue de Entreculturas. Animádevos.

viernes, 10 de mayo de 2013

MAHÁN E A CADEIRA VERMELLA DESPIDEN A SÚA ANDAINA

Tras unha súa estancia de dúas semanas na biblioteca escolar, o noso amigo Mahán despídese do alumnado do CPI Virxe da Cela. Esta última sesión de contacontos tivo lugar o pasado venres 10 de maio, e estaba dirixida ao alumnado de educación infantil. Pechamos este ciclo cunha xornada divertida, participativa e moi creativa. Os máis peques do cole soltáronse a lentantar as mans e respostar as preguntas de Andrea, a rapaza de 1º da ESO encargada de narrar a historia de Mahán. Incluso fixemos unha rolda de "actuacións", dramatizando a actitude que temos na nosa escola, e a actitude que tería Mahán na súa escola, utilizando para isto unha cadeira vermella e unha cadeira verde. Aplaudimos, divertímonos, expresámonos e sensibilizámonos... sobre a grande importancia da educación. E xa como momento final, culminamos cun divertido "photocool", utilizando como fondo de imaxe un enorme cadro pintado polo alumnado de 4º da ESO na materia de plástica, obxecto que quedará pendurado nas paredes na nosa escola para recordarnos día tras día o primilexio que temos por poder ir a escola, e reivindicando que este dereito o podan ter nun futuro eses 61 millóns de nenos e nenas que aínda están na actualidade sen escolarizar en diferentes partes do mundo.



Andrea-contacontos, de 1º da ESO, co seu irmán, de EI



REFLEXIÓNS SOBRE A NATUREZA DO SER HUMANO


Imaxinas vivir nunha illa deserta, rodeado dos teus amigos e compañeiros, sen ter que ir á escola, sen ter que sequir as pautas que nos marcan os adultos, con todo o tempo de mundo para xogar a todos os xogos posibles... Parece apetecible. Sen embargo unha fantástica aventura pode trocar en un auténtico pesadelo. O alumnado de 1º, 2º e 4º da ESO visionaron a película "El señor de las moscas" para poder reflexionar sobre a importancia de certas regras para a convivencia en harmonía e para anilizar outros conceptos, como o da amizade, o liderazgo, a comunicación, o respecto, o medo, a autoriade, o traballo en equipo, o poder, etc. Moitos puntos para reflexionar e sacar unha serie de conclusións para levar á práctica na nosa vida diaria como cidadáns. Son  moitas as visións para afrontar este reto, e podemos decantarnos cara á postura de HOBBES, quen dicía que "O home é un lobo para si mesmo"ou de ROSSEAU, quen apoiaba a tese de que "O home e bo por natureza". . E ti que opinas???

lunes, 6 de mayo de 2013

POLO DEREITO UNIVERSAL Á EDUCACIÓN




Unha frase ben sinxela, así como a simple imaxe dunha cadeira vermella. Aquí temos o panel elaborado polo alumnado de 4º de ESO na materia de plástica que serve para acompañar a campaña da Cadeira Vermella que se está a levar a cabo na nosa escola. Xa somos todos e todas coñecedores/as da importancia da educación e reivindicamos que ese dereito se faga realidade para os 61 millóns de nenos e nenas que a día de hoxe están sen escolarizar en diferentes lugares do mundo. Este panel está situado diante de biblioteca escolar, e son moitos os cativos e cativas que se achegan a este espazo aprendendo a valorar a importancia da educación, a través dun simple xogo ou conto.

viernes, 3 de mayo de 2013

PREPARANDO O PHOTOCOOL DA CADEIRA VERMELLA



Se queredes saber a "proxección" que está a ter a campaña da Cadeira Vermella no CPI Virxe da Cela non tedes máis que ollar  estas imaxes. Tras a fase de sensibilización realizada mediante as sesións de contacontos que se están levando a cabo na biblioteca escolar, para difundir entre todo o alumnado do centro o conto "Mahán e a cadeira vermella" (elaborado polo alumnado de 1º ESO), o seguinte paso será ter a oportunidade de sentar nunha cadeira vermella para reflexionar sobre a importancia da educación. Esta cadeira está situada do corredor do edificio de secundaria, fronte á biblioteca, e presenta unha curiosa proxección no chan (realizada mediante unha impresión nun soporte de vinillo transparente coa superficie adherente) que quedará para sempre na nosa escola como unha pegada. Próximamente convocaremos ao alumnado do centro nesta zona para realizar un photocool utilizando esta escenografía, e facer todo un rexistro do proxecto.

PASAPALABRAS SOLIDARIO

 
 
Os rapaces e rapazas de 5º e 6º de primaria participaron na actividade de "Pasapalabras Solidario" como complemento á sesión do contacontos "Mahán e a cadeira vermella", que tivo lugar na biblioteca escolar o pasado venres 3 de maio de 2013. Utilizando as letras do abecedario e adoptando a forma de "rosco", tal como se fai nun coñecido concurso televisivo, estes nenos e nenas demostraron a atención prestada durante a sesión de contacontos, así como os seus coñecementos do campo da solidariedade. Parabéns para Andrea, de 6º de primaria, que arrasou coas súas respostas. Prometido queda un diploma moi merecido pola túas destrezas. Se queredas probar nas vosas casas, aquí tedes o "Pasapalabras Solidario", pero... lembrádevos de ler primeiro a curiosa historia de "Mahán e a cadeira vermella"!!!