sábado, 27 de abril de 2013

GAÑADORES AUTONÓMICOS DO 29 CONCURSO ONCE

Desde o CPI Virxe da Cela queremos dar os nosos máis sinceiros parabéns aos coles CPI Conde de Fenosa de Ares e CEIP Os Casais (Maniños, Fene), por acadar o galardón de gañadores autonómicos do 29 Concurso da ONCE. 

Sabemos que detrás destas propostas están o tesón e o compromiso de dúas docentes modelo, moi coñecidas por todos nós. Yolanda Castro, coordinadora do proxecto Monferosolidario no noso cole, que ademais imparte aulas no CPI Conde de Fenosa de Ares, tratando de contaxiar ao alumnado de ambolos dous centros do seu radiante espírito solidario. Por outra banda temos a María José Vila, que imparte docencia no cole Os Casais, en Maniños (Fene), e que é mestra de grande conciencia e "a conciencia". Moi merecido é este premio pola súa constancia, dedicación e por todas as horas que invirte na elaboración de actividades para o seu alumnado. Tantas veces esta compañeira compartiu os éxitos de Monferosolidario, dende o seu mismísimo nacemento, e tantas veces expresouse como a nosa "Fan número un". 

E por suposto, non queremos esquecernos do protagonismo dos dous grupos de alumnos/as de estes dous centros, que aprenderon a lección de solidariedade transmitida polas súas docentes e a materializaron nestas dúas propostas tan diferentes pero tan interesantes e creativas. Convidámosvos a visionar estas pezas audiovisuais gañadoras da fase provincial do 29 Concurso da ONCE. 

Vídeo realizado polo alumnado de 3º da ESO do CPI "Conde de Fenosa". (Ares)

                           "A discapacidade: unha ollada desde a conciencia".

                      


Video realizado polo alumnado de 5º de primaria do CEIP "Os Casais" (Maniños- Fene)

                                             "A gran historia dun alcalde listo"

                     

viernes, 26 de abril de 2013

O ALUMNADO DO CPI VIRXE DA CELA COÑECEN A MAHÁN


 


Fai uns días xa vos adiantamos algo sobre as aventuras de Mahán, un simpático e avispado cativo dunha aldea de África que descobre un xeito moi singular para loitar polo dereito á educación de aqueles 61 millóns de nenos e nenas que, vivindo en diferentes áreas da xeografía mundial, non teñen a sorte e o privilexio de asistir a unha escola e aprender. 

A encargada de transmitir esta historia é Andrea, unha rapaza de 1º da ESO que ten o don de contar historias, e que cautivou ao público asistiente a estas sesións de contacontos, que a observaban boquiabertos e con mirada atenta. E para ambientar este conto de "Mahán e a cadeira vermella" que mellor que realizar simultaneamente a acción de pintar unha cadeira de cor vermella para simbolizar a esencia do noso conto!!! Recordamos que este conto está inspirado na campaña de "La silla roja" lanzada pola ONG Entreculturas, que os textos foron escritos por María, outra rapaza de 1º da ESO, e que as ilustracións correron a cargo de varios alumnos e alumnas de 1º da ESO. Parabéns a todos vós por demostrar esas capacidades creativas e deixar voar a vosa imaxinación. Pero a historia non acaba aquí, cada un dos grupos que vai visitando a Biblioteca Escolar para descubrir a historia de Mahán, realizan pequenos xogos e dinámicas que lles fai recapacitar sobre a importancia da educación. Esta sesión de contacontos remata obsequiando a cada un dos grupos con unha versión impresa en papel deste conto, para que a leven á aula e traten de imaxinar outro conto posible utilizando como símbolo unha cadeira vermella. Tedes de prazo ate o 1 de xuño para presentar as vosas aportacións, tanto de maneira individual como en grupo, que poderán optar a unhas serie de premios, tendo en conta tanto a calidade artística, a creatividade, así como a importante mensaxe solidaria a transmitir. 

Esta actividade está organizada por Monferosolidario en colaboración co EDLG e a Biblioteca Escolar. O EDLG quere a través dela potenciar o uso da lingua galega, tanto de maneira escrita como oral, e será o encargado de finanzar os premios da convocatoria. Por outra banda a Biblioteca Escolar ofrécenos o lugar perfecto para mergullarnos no mundo das historias. Queremos facer da biblioteca un espazo vivo e dinámico onde reunirnos e compartir vivencias, e que as historias viaxen polo aire e non queden atrapadas en libros inertes que soamente viven esquecidos en estanterías.

lunes, 22 de abril de 2013

GLORR GLOBAL HUMANITARIA





Fantástica acollida da proposta da ONG Glorr en colaboración con Global Humanitaria, para a recollida de roupa e calzado usado. Monferosolidario repartiu a semana pasada as circulares para as familias e as bolsas para depositar as prendas. Durante o luns 22 e o martes 23 de abril todas as persoas que quixeron contribuír a esta causa deixaron as bolsas nun espazo habilitado diante da Biblioteca Escolar. Podemos ver na imaxe superior os nenos e as nenas de 1º e 2º de educación primaria amosando os paquetes entregados. O mércores 23 un camión da organización Glorr pasará polo centro para recoller todo o material, que sabemos que será levado a unha pranta de reciclaxe para convertilo de novo en materia prima para a industria téxtil, recibindo a cambio unha cantidade de cartos que será no futuro investida en proxectos educativos que Global Humanitaria leva a cabo en diferentes países empobrecidos.

Queridas Familias:

            Monferosolidario quere apoiar a campaña de recollida de roupa usada e calzado, a favor da ONG Glorr & Global Humanitaria. Para isto visitaremos as aulas do noso centro presentando esta campaña e repartindo esta nota informativa, así como as bolsas para depositar a roupa. O luns 22 e o martes 23 de abril poderán depositarse estas bolsas nas entradas do centro escolar, xa que o mércores 24 esta ONG pasará a recollelas. Un atento saúdo.

Monferosolidario, 15 de abril de 2013.



sábado, 20 de abril de 2013

MAHÁN E A CADEIRA VERMELLA



Mahán e un simpático rapaz que vive nun país africano e que vai a poñer todo o seu empeño para buscar unha fórmula que facilite o acceso á educación para os máis de 61 millóns de nenos e nenas que en distintos lugares do mundo hoxe en día non poden ir á escola. Queredes saber como remata a historia? Pois os convidamos a asistir a unha sesión de contacontos na que o alumnado de 1º da ESO narrará a súa odisea. A convocatoria será na Biblioteca Escolar, como unha actividade do fomento da lectura que conmemora o día do libro (23 de abril). Esta é unha proposta de Monferosolidario en colaboración co EDLG e a Biblioteca Castelao.


viernes, 19 de abril de 2013

PRESENTACIÓNS DOS RAPACES E RAPAZAS DE 1º ESO



A principios de marzo o alumnado de 1º da ESO mergullouse na aventura dun "proxecto compartido" con outros centros escolares do territorio nacional e do estranxeiro, concretamente, Nicaragua. Baixo unha proposta da ONG Entreculturas, e utilizando unha plataforma dixital, os rapaces e rapazas dos diferentes centros que integran este proxecto realizarán un intercambio, que esperemos resulte enriquecedor para derribar moitas barreiras e prexuízos.


VISITA DE ENTRECULTURAS AO CPI VIRXE DA CELA





O pasado venres 19 de abril de 2013 contamos coa visita de Sandra Couso, técnico de Entreculturas e persoa moi querida no noso cole. Aínda que moi breve esta visita (soamente dispuxemos de unha xornada de clase), foi á vez moi fructífera, xa que ademais de revisar o traballo que o alumnado de 1º da ESO está a desenvolver dentro do "Proxecto Compartido Norte-Sur", Sandra motivou aos rapaces e rapazas a reflexionar sobre a importancia de educación, e como resultado surdiron grandes ideas.

Os rapaces e rapazas de 1º da ESO do CPI Virxe da Cela demandaron a elaboración de presentacións individuais por parte do resto dos alumnos/as que están a participar no proxecto, e desta forma, coñecernos todos un pouquiño mellor.

Visitamos a páxina de Entreculturas que apoia a campaña da SAME 2013 (Semana de Acción Mundial pola Educación), que este ano leva o título "Sen profes non hai escola". Mergullámonos por ese mapa mundi que reflexa a cantidade de áreas nos diferentes continentes que aínda carecen do profesorado necesario para levar a cabo o gran proxecto da EDUCACIÓN. O vindeiro luns 22 de abril voltaremos a esta páxina para facer individualmente as nosas aportacións, e aínda que sexa dunha maneira simbólica, trataremos de acadar o obxectivo.

Unha das grandes ideas que tiveron lugar froito desta visita foi a de poñer todos os medios para convidar a nosa amiga Pavani, a nena india que temos apadriñada a través da Fundación Vicente Ferrer, a visitar Monfero e compartir unha experiencia máis real. Para o próximo curso pensaremos en diferentes accións para finanzar a súa viaxe, ao igual que solicitar todos os permisos pertinentes. Todo é posible se estamos comprometidos coa nosa causa.






lunes, 15 de abril de 2013

OBRADOIROS DE MICROMOVIES, PLAN PROXECTA



Son rapaces e rapazas dun centro escolar que fan da solidariedade unha forma de vida, xa que son conscientes de que o cambio soamente será posible a través da acción. Así son o protagonistas desta historia de banda deseñada. Agora os alumnos e alumnas da ESO do CPI Virxe da Cela deberán pensar no desenvolvemento e final, aportando múltiples ideas que darán paso a creación dunha obra colectiva. Así o estiveron a facer no obradoiro de "Micromovies en prol do Voluntariado", dentro do Plan Proxecta da Xunta de Galicia. Tivo lugar o pasado luns 15 de abril, no horario de tarde (de 14:45 a 16:25), desenvolvido simultáneamente nas aulas de UUMM2 (alumnado de 1º e 2º da ESO) e UUMM3 (alumnado de 3º e 4º da ESO). Traballaron por parellas e por grupos, e a modo de torbellino de ideas sacaron á luz moitas solucións para o cambio. O próximo paso será pasar esta historia do papel ao cine, e convertila nunha pequena película que ilustre o facer solidario de moitos xóvenes que están a participar nunha transformación positiva da sociedade.









sábado, 13 de abril de 2013

PON UN PROFE NO MAPA


Non te esquezas de poñer un/unha profe no mapa. Aínda se necesitan moitos e moitas profes para lograr a educación primaria universal. Nos países empobrecidos, case o 3/4 dos nenos e nenas non saben ler, incluso despois de dous ou tres anos de escolaridade obrigatoria. O profesorado é unha peza fundamental para acadar o obxectivo dunha educación de calidade para todos e todas. Aínda faltan 1'7 millóns de docentes de primaria en todo o mundo. 

Entreculturas lanza esta campaña coincidindo coa celebración da SAME, Semana de Acción Mundial para a Educación. Convídanos a visitar o seguinte enlace para situar de forma simbólica un/unha profe no mapa, e deste xeito apoiar a iniciativa e reivindicar a necesidade dunha educación primaria universal.



 
          

NOVA CARTA DE PAVANI


Pavani, a nena india apadriñada polo alumnado de 4º da ESO, enviounos unha carta con un debuxo. Nesta carta podemos ver a evolución escolar desta rapaza, que coa axuda dos nenos e nenas de Monfero, será quen de aprender e educarse nunha escola da Fundación Vicente Ferrer, e deste xeito poder ter a oportunidade de loitar por un cambio no futuro de moitas nenas e mulleres da India. Sabemos que o sistema de castas é moi inxusto, e que para unha nena "dalit" ou "intocable", como é Pavani, é case imposible sair do círculo pechado da pobreza: nacida en familia pobre e predestinada a casar a través dun matrimonio de conveniencia cun home da súa mesma casta, e traer fillos e fillas ao mundo que tampouco poderán escapar da pobreza e o estigma social. Grazas únicamente á educación, Pavani poderá converterse nunha muller independiente, acadar un traballo digno e ascender a escala social, escapando das imposicións dunha sociedade inxusta. 

Sasi Cutti, o representante da Fundación Vicente Ferrer, que o pasado martes 9 de abril visitou a nosa escola, prometeunos visitar a Pavani unha vez regrese á India e transmitirlle os nosos saúdos personalmente.


INTERCAMBIO COA KONAMPALLI SCHOOL (INDIA)

Recién chegado da India, e cun auténtico emisario indio, Sasi Cutty, da Fundación Vicente Ferrer, que estivo o pasado martes 9 de abril de 2013 no CPI Virxe da Cela, xa temos nas nosas mans o dossier da Konampalli School. Xa sabedes que desde fai catro anos o noso cole participa no Proxecto School to School, da FVF, e que é precisamente agora, no terceiro trimestre, cando nós enviamos aos nosos amigos e amigas da India un paquete con materiais traballados no noso centro, e cando recibimos o paquete da India. Nesta ocasión traído directamente por Sasi. Durante as próximas semanas este dossier circulará polas aulas do noso centro, e deste xeito poderedes descubrir un pouquiño máis a estes nenos e nenas que están nunha pequena escola primaria e que teñen moita ilusión por aprender. Como anécdota, poidemos recoñecer nas fotografías as cartas de presentación que fai catro anos o alumnado que por entón cursaba 2º da ESO e Educación Infantil no CPI Virxe da Cela lles enviamos. Tenes aquí á vosa disposición o dossier en formato dixital. Esperamos que vos guste.

NOVAS FICHAXES SOLIDARIAS


Monferosolidario quere agradecer o apoio prestado por un grupiño de rapazas e rapaces de 6º de primaria na organización e posta a punto do V Rastro Solidario 2013. É impresionante o entusiasmo que mostraron, a súa incondicional axuda, e toda a alegría que irradia estas nenas e nenos, e esperemos que non faga máis que medrar para disfrutar de todos estes preciados atributos o próximo ano, cando cursen a ESO. Podedes ler as súas crónicas, que esperemos podan contaxiar a moitos máis alumnos/as á hora de volcarse en proxectos solidarios.

lunes, 8 de abril de 2013

VISITA DE SASI CUTTY, DA FVF





Chámase Sasi Cutty, ten 38 anos, fala español e ten unha licenciatura en Historia da Arte. A lectura destes datos varía se coñecemos un pouco máis sobre el: naceu nunha aldea moi pobre no sur da India, pertence á casta dos "dalits" ou "intocables" e esta é a primeira vez que visita España. A súa e unha historia de superación persoal. A súa nai tivo a sorte de ser contratada como cociñeira na casa de Vicente e Ana Ferrer, na zona de Anantapur onde esta parella fai varias décadas decidiu levar a cabo un proxecto integral no eido da educación, a sanidade, o desenvolvemento, que cambiou a vida de moitas persoas. Sasi asistiu á escola primaria, posteriormente a estudios secundarios, e Vicente Ferrer axudou a este rapaz a financiar os seus estudios universitarios. O resultado é ser o primeiro "dalit" da zona en acadar unha titulación universitaria.
Sasi é consciente do xiro que deu a súa vida, e quixo devolver o favor a esta institución. Agora, como portavoz da Fundación Vicente Ferrer, visita centros educativos contando a súa vida e explicando o traballo desta organización. É increíble o perfecto castelán que este rapaz da India fala, a que aprendeu dos voluntarios que traballan na FVF en Anantapur. O martes 9 de abril visitou o noso centro, acompañado pola fotógrafa coruñesa Yolanda Ferrer, representante da FVF na Coruña. Impartiu unha charla en horario de mañá para o alumnado de ESO e PCPI, e outra charla en horario de tarde para o alumnado de 3º, 4º, 5º, e 6º de primaria. Participou connosco en algo tan familiar como o noso propio xantar no comedor escolar, poidendo coñecer algo máis sobre a súa vida e a súa cultura nun ambiente máis distendido. As súas charlas quedaron curtas, xa que houbo cantidade de mans alzadas para preguntar moitas dúbidas e curiosidades, así que convidamos a Sasi a visitarnos de novo o próximo ano.
Sasi foi tamén o encargado de traernos o dossier da Konampalli School, coa que estamos realizado o proxecto School to School dende fai catro anos. Próximamente o noso cole elaborará un dossier con imaxes e informacións variadas sobre a nosa cultura para enviarlle aos nenos e nenas desta escola da India.

martes, 2 de abril de 2013

XABÓNS SOLIDARIOS



Parabéns a María José Fandiño, a profe de CCNN do CPI Virxe da Cela e ao seu alumnado de 4º da ESO. Elaboraron uns aromáticos e coloridos xabóns no laboratorio do cole, e os donaron ao V Rastro Solidario para a súa venda, axudando así a recadar cartos para a Cruz Vermella de Betanzos. Con suxestivas formas, e adornados con elegantes envoltorios e incluso decorados con adhesivos especiais, estes xabóns tiveron unha tremenda acollida entre o noso público, e nun abrir e pechar de ollos vendéronse todos os exemplares... Que pena, teremos que esperar ao vindeiro curso para mercar o que nos gustaba... Incluímos neste espazo un video explicativo coa elaboración destes produtos moi naturais...

CRUZ VERMELLA DE BETANZOS: SOLIDARIOS NA NOSA CONTORNA






Para completar a xornada do V Rastro Solidario, contamos coa visita de Chelo e Almudena, técnicas da Cruz Vermella de Betanzos, que quixeron animar á participación do noso alumnado e agradecer o seu esforzo nunha causa solidaria. En dous charlas, dirixidas a primeira a alumnado da ESO e a continuación ao alumnado de 4º, 5º, e 6º, de primaria, trataron de sintetizar as diferentes iniciativas que se están levando a cabo na Cruz Vermella de Betanzos, moitas delas para paliar as necesidades de moitas familias que se están a ver nunha situación de emerxencia económica coa presente crise na que estamos inmersos. Presentaron o chamamento "Agora + que nunca", unha iniciativa de crowfunding que se está levando a cabo a través dunha plataforma dixital. O termo inglés crowfunding indica unha forma de acadar fondos para un reto ou proxecto a través de pequenas aportacións de moita xente. Podedes visitar a plataforma "Agora + que nunca" e informarvos dos proxectos que se están a lanzar na actualidade premendo o seguinte enlace: