martes, 28 de junio de 2011

ENTREGA DE DIPLOMAS MONFEROSOLIDARIO

O pasado xoves 23 de xuño de 2011, aproveitando o acto de clausura do curso escolar e a despedida do alumnado de 4º da ESO, Monferosolidario fixo a entrega de diplomas a aqueles alumnos e alumnas que participaron activamente en diversas actividades, destacando o seu esforzo e a súa contribución na construción dun mundo mellor. Tamén se fixo a entrega dun diploma e un pequeno agasallo aos gañadores e gañadoras dos concursos "Deseña a túa mascota Monferosolidario" e "Avatares: declaracións de amor".




viernes, 17 de junio de 2011

MASCOTA MONFEROSOLIDARIO

A semana pasada reuniuse un xurado para fallar os premios do "Concurso de Mascota de Monferosolidario". Os traballos premiados están expostos diante da biblioteca escolar, cos nomes dos seus autores. O próximo 22 e 23 de xuño entregaranse os premios, así como os diplomas aos gañadores das diferentes categorías:

1º Premio e Mascota Gañadora: Autoras: Lorena Varela Infante e Sandra Fernández Rodríguez, de 3º da ESO. Unha fermosa mascota con manual de instrucións: Planta orixinaria de Monfero. Coidados: regar abundantemente con amor, paz e solidariedade 12 veces ao día e non expoñer á violencia nin ao egoísmo para que a planta medre correctamente


1º Premio 1º ciclo de educación primaria: Daniela Pereira Ibáñez


1º Premio 2º ciclo de educación primaria: Víctor Gómez Varela



1º Premio 3º ciclo de educación primaria: Sheila Buyo collazo e Cintia Cortizas Suárez


Mención Especial do Xurado otorgada ás Aulas de Infantil.

viernes, 3 de junio de 2011

ENVÍO Á PINNANDARI SCHOOL

O venres 3 de xuño de 2011 enviamos á Rural Development Trust (Anantapur, a India) o paquete postal que contén todos os materiais elaborados polo noso centro dentro do proxecto School to School, un intercambio cultural e de tradicións entre a nosa escola, situada no rural galego, e unha escola na India rural, concretamente, no distrito de Anantapur, onde ten a súa base a Fundación Vicente Ferrer. Este ano a escola asignada é Pinnandari School. 

Durante todo o curso académico 2010-2011 estivemos a realizar actividades centradas na temática da gastronomía. Todas estas actividades están documentadas nun dossier e a través de presentacións audiovisuais, con todas as explicacións traducidas ao inglés: a presentación da nosa escola, un traballo de investigación sobre a gastronomía galega, unha serie de debuxos realizados polo alumnado de 5º e 6º de primaria sobre a nosa gastronomía, documentación fotográfica sobre a charla "A gastronomía na India", impartida polo alumnado de 3º da ESO, sobre o obradoiro "As especias", realizado na biblioteca escolar, e do xantar degustación de comida india no comedor escolar. Tamén enviamos varios libros sobre a gastronomía galega, e un pequeno agasallo. Esperamos que os nenos e nenas da Pinnandari School podan aprender algo da nosa cultura. 

De igual xeito, nos próximos días contamos con recibir un paquete desta escola india, e dar por finalizado o intercambio.